Dende meniños ata veteranos. Cunha notable participación de ciclistas de todas idades desenvolvíase na mañá do 11 de agosto en Trives o XXIX Día da Bici. O seu punto de encontro era a Praza de Abastos, onde ás dez da mañá abríase a inscrición para poder tomar a saída nos percorridos: un para maiores e outro para os máis cativos. “É unha divertida actividade, agardada cada verán na vila, onde as familias, pais, nenos e avós, desfrutan dunha xornada de convivencia e deporte todos xuntos”, destacan dende o Concello da Pobra de Trives.
Ás doce do mediodía dábase a saída ao grupo dos máis pequenos, que pedaleaban arredor duns 400 metros polas rúas da vila. Despois era a quenda dos maiores, cun percorrido longo duns oito quilómetros que chegaba ata Santa María de Trives. Ao remate da proba os participantes volvían reunirse na Praza de Abastos, onde a organización deste evento (en mans do Concello da Pobra de Trives) procedía ao sorteo de dúas bicicletas. Os gañadores foron Marc Álvarez na categoría de 0 a 8 anos e Ramón González González na de 8 anos en adiante.
Os premios foron entregados pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, e polo concelleiro de Deportes, Miguel Sierra. Dende o Concello agradécese a colaboración nesta actividade deportiva da Policía Local e de Protección Civil de Trives, “que en todo momento velaron pola seguridade da proba”.
Fotos: Concello da Pobra de Trives.