OurenseÚltima hora

A obra “Os mortos daquel verán” abre mañá a Semana das Letras Galegas en Ourense

A representación de “Os mortos daquel verán”, abrirá mañá, venres 12 de maio, o programa de actividades organizadas polo Concello de Ourense con motivo da Semana das Letras Galegas, en homenaxe ao escritor, e fillo predileto da cidade, Carlos Casares.

O Auditorio Municipal acollerá ás 20:30 horas a estrea da aproximación escénica de Talía Teatro e do Centro Dramático Galego á novela “Os mortos daquel verán”. A aparición do cadáver do boticario Ernesto Vilariño Dacal, morto supostamente en accidente ao comezo da guerra civil, pon en marcha unha investigación xudicial na que unha rica galería de personaxes irá achegando o seu testemuño para intentar esclarecer o caso. A rivalidade entre as forzas progresistas, representadas polo mesmo boticario e un sindicalista ao que se busca en relación co suceso; e as reaccionarias, encabezadas polo propietario da fábrica local e o cura da parroquia, vaise debuxando a través das páxinas do informe do investigador do caso.

A obra está dirixida por Artur Trillo e interpretada por Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Rubén Prieto, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Xurxo Barcala.

A entrada é gratuíta ata completar aforo.

Máis información sobre as actividades relacionadas coas Letras Galegas no número impreso de “O Sil” do mes de maio.

 

Cartel da obra.

Artigos relacionados

Back to top button