CulturaCultura

A obra “Solo”, chea de sentimentos e confesións, chega a Verín este sábado

A representación será no Auditorio Municipal ás 20:30 horas e con entrada de balde
Escena de “Solo”.

A Asociación Cultural Solo Teatro chega a Verín este sábado, 1 de xullo, co seu proxecto “Solo”. Tras catro anos de traballo, chegan a esta vila cun elenco de primeira categoría no Auditorio Municipal ás 20:30 horas. A obra está pensada para o público adulto e a entrada é completamente de balde.

“Solo” é unha obra chea de sentimentos, confesións, enganos, malos tratos, de bágoas… pero sobre todo chea de amor.

É unha historia que chega aos espectadores, os cales se ven inmersos na representación, poñéndose na pel dos personaxes e sentido a dor, o sufrimento ou o amor que eles viven sobre o escenario. Feita para pensar como a sociedade dos últimos anos do franquismo, ou mesmo a de hoxe en día, maltrata e marxina a eses que non son iguas ca eles. Porque é algo, que aínda en pleno século XXI, segue vivo.

A vida non é un camiño de rosas, nela teremos que ir atravesando obstáculos, sorteando as pedras que nos atopamos nel, para chegar á nosa meta, ao noso obxectivo, aínda que non sempre o consigamos. Con todo nunca é demasiado tarde para volver tentalo de novo. Esa é a visión de Tony, o protagonista; que sentado no sofá no que adoitaba sentar ca súa nai, á que acaba de dar sepultura, e coa súa fotografía no seu colo; podemos vivir as diferentes etapas da súa vida. A súa infancia, adolescencia e madurez encherán o escenario para facer ao espectador partícipe dos seus recordos. Ningunha delas será fácil para Tony, pero con forza será capaz de saír adiante en cada unha.

Fernando Gabelo narrará a historia de Tony; que comezará cunha confesión desgarradora: “Nai, é verdade, son gai” ; mentres que o resto de actores interpretará os seus recordos á vez que o protagonista os observa con nostalxia. É unha obra chea de detalles e de conflitos internos cun final inesperado.

Artigos relacionados

Back to top button