EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Obradoiro da Evega sobre xestión de empresas vitivinícolas, en Castrelo de Miño

O obxectivo fundamental da iniciativa é o de "reflexionar sobre a situación actual do sector do viño e do enoturismo e o de detectar as novas necesidades dos clientes e consumidores para lograr adaptarse a elas", segundo os organizadores da actividade

Exterior do Parque Náutico de Castrelo de Miño.

 

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza o obradoiro práctico “Ferramentas e claves para a reinvención das empresas vitivinícolas”. Terá lugar o vindeiro xoves, día 27 de maio, na sala multiusos do Parque Náutico do concello ourensán de Castrelo de Miño.

Os interesados en participar nesta acción formativa poderán inscribirse e facer a solicitude, ata o vindeiro martes 25, a través da páxina web da Consellería do Medio Rural (nos enlaces https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas e https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021), así como a través da web da Evega. As solicitudes deberán remitirse ao enderezo de correo electrónico evega.medio-rural@xunta.gal. O número total de prazas dispoñibles é de 10.

Os destinatarios desta acción son fundamentalmente os responsables de pequenas empresas do sector e das áreas de márketing, así como viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores e persoal investigador interesado no tema. A maiores, enfócase en especial cara ás mulleres e cara aos mozos e mozas agricultores ou adegueiros en activo, estando aberto tamén para o público interesado en xeral.

O obxectivo fundamental deste obradoiro é o de reflexionar sobre a situación actual do sector do viño e do enoturismo e o de detectar as posibles oportunidades derivadas da nova situación. Trátase tamén de aprender a detectar os novos hábitos de consumo dos clientes e consumidores e de avaliar a capacidade da proposta de valor para satisfacer estas novas necesidades e prioridades. Búscase, así mesmo, analizar e avaliar as posibilidades de competir nos diferentes ámbitos e canles de negocio, sinalando as claves da competitividade en cada un deles, así como as recomendacións e suxestións de adaptación que precisan as estratexias empresariais nestes eidos, para afrontar con éxito a reinvención das empresas.

Artigos relacionados

Back to top button