OurenseÚltima hora

Obradoiro de banca e comercio electrónico para mulleres no Carballiño, da man da UCGAL

A actividade, de oito horas de duración levarase a cabo na Aula CEMIT os días 18, 21, 25 e 28 de outubro, en horario de 16:30 a 18:30 horas

 

Co obxectivo de formar a mulleres en novas tecnoloxías, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, pon en marcha a Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica. Un obradoiro de oito horas de duración que se levará a cabo no Concello do Carballiño nas seguintes datas: venres 18, luns 21, venres 25 e luns 28 de outubro; en horario de 16:30 a 18:30 horas na Aula CEMIT.

A Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de “diminuír a fenda dixital, fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe progresivamente e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día”, explican dende a Unión de Consumidores de Galicia.

Entre os obxectivos deste obradoiro de formación está que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e , así mesmo, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos.

Instrutores/ cualificados e con experiencia tanto en novas tecnoloxías como no ámbito do consumo encargaranse de impartir estes obradoiros cuxo número de prazas é limitado. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 (de 10:00 a 15:00 horas) ou enviando un correo electrónico a prensa@consumidores.gal

Artigos relacionados

Back to top button