CulturaCulturaEducación

O Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación entrega os diplomas aos seus alumnos

Os oito diplomados realizaron un curso de acutalización e reconstrución instrumentos do Pórtico do Paríso
Integrantes do curso co presidente da Deputación, Manuel Baltar.

O Obradoiro-Escola de Instrumentos Musicais da Deputación celebrou hoxe, 17 de xaneiro, a entrega de diplomas aos oito alumnos que realizaron un curso de actualización e reconstrución de instrumentos do Pórtico do Paraíso, impartido por un dos referentes na construción e recuperación de instrumentos medievais, Christian Rault, e no que confeccionaron a xiga de 3 cordas, a viola de 5 cordas e a viola grande de 5 cordas do Ancián 24, instrumentos que se estrearán no concerto de Carlos Núñez no Festival Pórtico do Paraíso no vindeiro mes de marzo, tal e como se anunciou no pasado mes de xullo, na presentación dos concertos que ofrecerá Carlos Núñez os vindeiros 27, 28 e 29 de xullo nos mosteiros de Santo Estevo de Rivas do Sil, Oseira e Santa María de Montederramo, coa colaboración da Deputación de Ourense.

No acto de hoxe tamén participo o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o director do Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación, Manuel Brañas; e o propio Christian Rault, diplomado en escultura ns ENSAD de París, e logo formouse en luthería clásica italiana con Giobatta Morassi na Escola de Cremona.

Posteriormente a esta actividade formativa, do 2 ao 4 de febreiro, Jesús Reolid, impartirá un curso no que se construirán violas e un laúde do Pórtico, e que se usarán nas aulas de música medieval que impartirán Roberto Santamarina e Tin Novio, no Obradoiro de Instrumentos da Deputación.

Con este proxecto o Obradoiro-Escola da Deputación pretende, entre outros obxectivos, que músicos da cidade de Ourense aproveiten a riqueza e o valor histórico e cultural do Pórtico do Paraíso dado que se atopa na catedral da capital. Así mesmo, con esta iniciativa perseguen ter a reconstrución destes instrumentos no Obradoiro a disposición de todo aquel que desexe visitalos, achegar a música medieval a tódalas xeracións, e continuar a afondar na investigación destes instrumentos.

Manuel Baltar e Christian Rault.

O Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación foi creado no ano 1982 e dirixido desde aquela por Manuel Brañas. Desde o comezo, centrouse na construción de instrumentos tradicionais. Entre os seus proxectos máis destacables atópase a reconstrución dos instrumentos do Pórtico do Paraíso, unha das obras máis salientables que alberga a Catedral de Ourense, situada aos pés da Catedral de San Martiño e que foi construída na primeira metade do século XIII. No Pórtico, inspirado na Apocalipse, atopamos aos 24 anciáns que tocan os instrumentos, os cales foron reconstruídos polo Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación de Ourense.

Este proxecto ten unha gran importancia cultural e histórica porque achega novos datos para o coñecemento da música medieval. Así, o Obradoiro reconstruíu tódolos instrumentos presentes no Pórtico como violas, ovais, frautas, salteiros, incluso o instrumento máis representativo deste conxunto, o organistrum.

Ademais destas actividades formativas, o Obradoiro está a facer un curso de construción de zanfonas medievais que aparecen representadas nas Cantigas de Alfonso X O Sabio, un curso de construción de gaitas, requintas, pitos galego e chirimías, un curso de construción de instrumentos de percusión e outro de talla de madeira e construción de palletas para gaitas.

Artigos relacionados

Back to top button