CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Obradoiro de pintura comestible no CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras

A actividade foi impartida polo artista barquense Gerardo Rodríguez Ramos “Chere”

¿Quen dixo que a arte non se pode comer? Os máis pequenos do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras puderon comprobar que si se pode e non só alimenta o espírito senón tamén o corpo. Facíano na mañá do 8 de xuño durante unha peculiar, divertida e interesante actividade: un obradoiro de pintura comestible impartido polo artista barquense Gerardo Rodríguez Ramos “Chere”, no Salón de Actos.

Partindo do conto de Elmer, el elefante de colores, que previamente narrou aos cativos de Infantil do colexio, o artista barquense propúxolles pintar aos personaxes cunha pintura e un lenzo moi especiais: iogur natural con colorantes e unha oblea. “O bo de traballar con nenos tan pequenos é que eles mesmos perciben diferentes sabores segundo a cor que teña o produto aínda que en realidade sexa o mesmo”, explica Chere. O amarelo sábelles a limón, o rosa e fresa, o violeta a mora,… e así sucesivamente polo que combinando diferentes colorantes coa base branca do iogur, ían conseguindo pintura de cores comestible coa que intentaban, máis que conseguían, dar forma ao elefante sobre a oblea.

Con esta iniciativa o centro barquense daba a benvida aos futuros alumnos de Infantil. “Primeiro tivemos a actividade cos nenos do colexio de 3 a 5 anos, e de seguido, despois do contacontos participaron os nenos de menos de 3 anos que entrarán no curso 2018/2019”, explican dende o colexio. Unha actividade enmarcada na xornada de portas abertas na que desfrutaron tanto os cativos como os pais tamén presentes.

Fotos: Mónica G. Bellver salvo as dúas últimas que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button
Close