OurenseÚltima hora

Obradoiro para “rachar estereotipos de xénero e potenciar as novas tecnoloxías”, o 15 de xaneiro en Ourense

"Igual a nós" é unha actividade de dinamización en igualdade e un espazo de encontro para mellorar a autoestima persoal e grupal

Cartel da actividade.

 

A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense, a través do Centro de Información Municipal para a Muller (CIMM), organiza para este mércores, 15 de xaneiro, o obradoiro “Igual a nós”, unha actividade gratuíta e aberta que pretende “mellorar a calidade de vida das mulleres a través da promoción e sensibilización na educación en igualdade e na prevención da violencia de xénero”. Con esta actividade “quérese tamén sensibilizar e concienciar as persoas para a ruptura dos estereotipos de xéneros, especialmente a través do uso das novas tecnoloxías como ferramenta de comunicación e formación”, explican dende o CIMM, cuxa idea é “fomentar a participación social e o encontro entre mulleres como mecanismo de mellora da autoestima persoal e grupal”.

A duración da actividade é de unha hora, e constará das varias partes. Trala presentación, cunha breve explicación do proceso en cada unha das súas fases, levará a cabo unha representación escénica de 30 minutos de duración, dirixida a abordar conceptos básicos de igualdade e prevención da violencia de xénero. Como eixo vertebrador empregarase as novas tecnoloxías, especialmente o uso do móbil. Unha vez rematada a representación escénica, realizarase unha reflexión grupal de 20 minutos de duración. De seguido, establecerase un coloquio para que todas as persoas poidan expoñer as súas inquedanzas e as súas reflexións, e tamén clarificar conceptos abordados durante a representación escénica. A última parte será o reforzamento do aprendido na actividade a través dunha performance contra a violencia de xénero, co obxecto de reflexionar sobre todo o abordado durante a sesión.

Máis información, no CIMM de Ourense, en horario de mañá: 988 393 191

Artigos relacionados

Back to top button