SanidadeÚltima hora

Obradoiro sobre “A violencia obstétrica como violencia de xénero”, no Barco

Contará con dúas sesións, a primeira das cales será impartida o 25 de setembro pola matrona Aurora Rodríguez

A matrona Aurora Rodríguez, durante unha chara./ Foto: A.R.

 

Neste outono a Asociación De Nai a Nai en colaboración co Concello do Barco organizará unha serie de accións formativas e divulgativas nesta vila valdeorresa. A primeira delas será o obradoiro titulado “A violencia obstétrica como violencia de xénero”, que contará con dúas sesións.

A primeira sesión terá lugar o 25 de setembro ás 18h. no 3º andar do edificio multiusos do Barco. Será impartida pola valdeorresa María Aurora Rodríguez, matrona do paritorio do Hospital do Bierzo. Segundo explica esta profesional, o termo violencia obstétrica refírese “a un conxunto de prácticas levadas a cabo no ámbito da atención á saúde sexual e reprodutiva da muller (incluíndo o binomio nai-fillo/a), fundamentalmente durante os procesos de embarazo, parto e puerperio, xunto con actitudes que poden dar como resultado unha degradación, opresión e/ou intimidación da mesma de distintos xeitos; constituíndo unha violación dos seus dereitos humanos e reprodutivos a nivel físico e/ou psicolóxico. Infantiliza á muller, empregando unha actitude paternalista e/ou vexatoria”.

Este tipo de violencia está recoñecida pola ONU e así se reflexa nun informe emitido recentemente no que dentro da violencia contra a muller faise referencia explícita á violencia obstétrica. Nesta temática incidirase no Barco nunha segunda sesión do obradoiro, desta volta da man de Ana María García, avogada vianesa especializada en temas de xénero.

 

 

“O tema da violencia obstétrica é moi delicado e hai que tratalo con sumo respecto xa que as consecuencias emociais e/ou físicas deixan en nais e bebés unha pegada e causan unha dor silenciosa que vai máis alá do físico. É por iso que se elixiron dúas ponentes que son grandes coñecedoras do tema e que nos darán as ferramentas necesarias para recoñecer cando somos vítimas desa violencia, como previla e como afrontala en caso de sufrila. Para iso explicarannos cales son os nosos dereitos, os das nais por unha banda, e os dos bebés pola outra, e como debemos reclamalos”, explica a presidenta da Asociación De Nai a Nai, Lorena Prada.

Ademais a responsable desta asociación lembra que estes dous obradoiros están organizados conxuntamente co Concello do Barco, “ao que lle agradecemos esta oportunidade de informar a futuras familias”. Ademais estas actividades están incluídas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close