OurenseÚltima hora

Obradoiros de cociña e catas de viños virtuais, da man de Xantar

 

Co obxectivo de “animar e entreter, a través da enogastronomía e dende unha perspectiva saudable, aos seguidores da feira a través das redes sociais, nestas semanas de confinamento”, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, organizou unha serie de actividades formativas on line e en directo.

Obradoiros de cociña internacional e catas “riquiñas” comentadas maridando viños galegos con outros produtos de calidade, son as propostas que poden seguirse en directo de forma gratuíta, previa inscrición, a través da plataforma Zoom para contactar directamente co ponente; ou a través de Facebook Live!

Os obradoiros de cociña xa se iniciaron esta semana cun sobre comida sá e o próximo está previsto para o vindeiro xoves 14 de maio ás 19 horas co bacallau como protagonista. O chef austriaco-portugués Thomas Egger ensinará como preparar “un bacallau para o confinamento”. Tamén está prevista a organización de obradoiros de cociña de América Latina.

 

 

As outras actividades que está organizando Xantar son as catas virtuais de viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira sacra e Rías Baixas). A sumiller galega Mercedes González convidará aos participantes a “ir de viños” nas vindeiras semanas asistindo ás súas “catas riquiñas” que maridan un viño cunha tapa. Tal e como explica a sumiller, “con esta actividade desfrutaremos e descubriremos Galicia a través dos seus viños”.

A primera cata terá lugar o venres 15 de maio ás 19h. e servirá para apoiar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da UNESCO. Quenes queiran participar deberán ter a man un viño da D.O. Ribeira Sacra. A tapa proposta para esta actividade é unha tosta de polbo con queixo galego.

Os enlaces para inscribirse nestas actividades publícanse na páxina de Facebook de Xantar.

Artigos relacionados

Back to top button