CulturaEducaciónÚltima hora

Obradoiros de radio e fotografía no IES Carlos Casares

Alumnos de Viana do Bolo participan no programa de educación en valores “O Mundo que queremos”

Na mañá do 8 de xaneiro, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo acollía o segundo obradoiro de educación en valores de “O Mundo que queremos”, no que o alumnado puido aprender a utilizar medios como a radio e a fotografía para sensibilizar ao seu ámbito máis próximo sobre aqueles temas que lles preocupan. Así, “á vez que se ían explicando os conceptos clave e con exemplos que xiraban en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), os rapaces tiveron a oportunidade de facer prácticas coa axuda dunha mesa de son e unha cámara fotográfica profesional, reforzando o proceso de aprendizaxe e facendo máis ameno o obradoiro” tal como explican dende a organización.

O alumnado participante aprendeu como funciona a radio na actualidade, que tipos de xéneros radiofónicos existen, como crear un programa de radio dende cero, así como algúns consellos para mellorar a calidade das súas imaxes. Tras este obradoiro os rapaces e rapazas terán que crear os seus propios espazos radiofónicos e proxectos fotográficos relacionados cos ODM.

“O mundo que queremos” é un proxecto de educación para o desenvolvemento que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta iniciativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as dinámicas locais e as desigualdades globais, neste caso a través da comunicación (podcast e imaxes) como medio para sensibilizar e transformar.

O programa inclúe asemade a visita aos institutos participantes (IES Carlos Casares, IES Alfoz-Valadouro, IES A Cachada de Boiro, IES Félix Muriel de Rianxo, IES Beade, IES Moncho Valcarde de As Pontes, IES Castroverde, CPI Castro Baxoi de Miño e CPI Viano Pequeno de Trazo) de persoas dos países do Sur vinculadas á cooperación para o desenvolvemento e un encontro final intercentros no que todo o alumando participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante a duración do proxecto, que está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa de Educo, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) e o grupo de Teatro dxs oprimidxs 100tolas.

Artigos relacionados

Back to top button