ConcellosÚltima hora

Obras de mellora do acceso ao IES de Viana do Bolo, na OU-533

O proxecto consiste en habilitar un carril adicional para a parada de autobuses escolares na parte frontal do instituto
Exterior do IES Carlos Casares de Viana do Bolo.

Hai xa uns días que están en marcha as obras de mellora do acceso ao IES Carlos Casares de Viana do Bolo. O proxecto consiste en habilitar un carril adicional para a parada de autobuses escolares na parte frontal do instituto, na marxe dereita da estrada OU-533, entre o Pq. 20+700 e o 20+800, entre a beiravía da estrada e o cerramento do centro, segundo se informa dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Esta actuación, adxudicada a Explotaciones Medioambientales, S.L.U., ten un prazo de execución de 2 meses, “aínda que se axilizará ao máximo para que estea finalizada ao inicio do curso escolar”, matizan dende Infraestruturas.

Os traballos centraranse na demolición da beirarrúa existente e os servizos de iluminación que hai nela. No seu lugar, aproveitando o espazo axardinado actual, construírase un novo carril de circulación separado da estrada e destinado aos autobuses. Executarase unha beirarrúa nova, ao carón do peche do instituto coa iluminación correspondente.

Para a execución do carril “con rapidez e seguridade, será preciso cortar un carril da estrada e non será posible acceder ao instituto pola porta existente nese punto da estrada, polo que se acordou executar a obra ao longo do mes de agosto para non interferir no funcionamento do centro”, adiantan dende a consellería.

Artigos relacionados

Back to top button