ConcellosÚltima hora

Obras de reforma no firme da estrada OU-636 en Trives, Larouco e Quiroga

Supoñen un investimento de máis de 700.000 euros e prevese que estean rematadas a finais do mes de novembro. A delegada da Xunta visitaba esta actuación, acompañada polo alcalde de Trives

 

O alcalde de Trives co delegada e os técnicos, na visita ás obras da estrada.

 

Ata o concello da Pobra de Trives desprazábase na mañá do 25 de outubro a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, para supervisar o estado das obras de reforma de firme que se están a executar na estrada OU-636, ao seu paso polos concellos da Pobra de Trives, Larouco e Quiroga. A Consellería de Infraestruturas destina un investimento de máis de 700.000 euros a esta actuación.

Os traballos están sendo executados pola empresa Misturas Obras e Proxectos, S.A., e avanzan “a bo ritmo polo que se prevé que estean rematados a finais do mes de novembro, se as condicións climatolóxicas permiten o seu normal desenvolvemento”, indican dende a Xunta.

As obras nesta estrada autonómica, que se executan ao longo de case 20 km, consisten na reparación do firme nos tramos nos que a estrada presenta o desgaste derivado do tráfico que circula por esta vía, mediante o fresado e a reposición da capa de rodadura..

A intervención na estrada OU-636, entre A Pobra de Trives e Freixido, estase a levar a cabo cun dobre obxectivo. Por unha banda “búscase conservar ou mellorar as características funcionais da estrada como son a seguridade viaria e a comodidade, ao mesmo tempo que se quere protexer o conxunto do firme aumentando a súa durabilidade, uniformidade, aspecto, etc.”, indican dende a Administración autonómica.

O Concello de Trives demanda melloras na conexión co Barco

Aproveitando a visita da delegada territorial da Xunta en Ourense o alcalde de Trives, Domingo Diéguez, pediulle unha mellora íntegra desa estrada ou un “acceso alternativo digo ao Barco de Valdeorras”. Tamén estivo cos técnicos apremiando a que se active definitivamente o desvío dunha curva próxima á Cabalar, “obra que leva iniciada dende hai máis de 14 anos”.

 

Outro dos momentos da visita da delegada a Trives, acompañada polo seu alcalde.

 

O rexedor manifestoulle á delegada “o abandono desta comarca en materia de infraestruturas, entre outras, e a imperiosa necesidade de que se adopten as medidas oportunas para solucionar o problema de comunicacións que estamos sufrindo na comarca”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button