CulturaCulturaÚltima hora

Observación astronómica nocturna no Salgueiral do Barco, o 28 de xullo

"Astronomía nas rutas xacobeas" é unha actividade gratuíta promovida polo Concello en colaboración co Observatorio Ramón María Aller

Foto de Sindo Novoa que ilustra o cartel promocional da actividade de observación astronómica do Concello do Barco.

 

Descubrir e desfrutar da visión de planetas como Xúpiter ou Saturno no ceo nocturno de verán, así como doutros fenómenos astronómicos será a posible o vindeiro martes 28 de xullo no Salgueiral a través dunha actividade que promove o Concello do Barco en colaboración co Observatorio Ramón María Aller e a Universidade de Santiago de Compostela.

Así o anunciaba o concelleiro de Turismo, Eladio Santos, este xoves nunha rolda de prensa na que animaba aos barquenses a participar neste “congreso público”, que incluirá, a partir das 21:45h., charlas formativas e observación nocturna.

A actividade, de carácter gratuíto, terá un aforo máximo de 50 prazas e nela manteranse todas as medidas de seguridade fronte ao Covid-19, incluíndo a limpeza e desinfección dos telecopios, que serán aportados polos Observatorio Ramón María Aller.

 

 

Ademais o cartel anunciador desta iniciativa astronómica está ilustrado cunha imaxe do fotógrafo barquense Sindo Novoa. Nela capta a imaxe do cometa C/2020 F3 (Neowise) ao seu paso por Xagoaza (O Barco) na pasada fin de semana, tal e como adiantaba días atrás Osil.info.

Posta en valor do Salgueiral

Con actividades como esta iniciativa cultural, dende a Concellería de Turismo do Barco apóstase por poñer en valor o entorno do Salgueiral. “Queremos que se fagan máis cousas aquí”, indicaba Santos, que tamén comentaba que dende o Concello estanse a analizar as diferentes propostas presentadas (máis de vinte) no concurso de ideas convocado para potenciar e dinamizar esta zona verde do municipio.

 

O concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos, na presentación do congreso público “A Astronomía nas rutas xacobeas”./ Foto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button