EconomíaEconomíaÚltima hora

Oito restaurantes do Barco participarán no I concurso de maridanza do Entroido

O certame, organizado por AEVA e O Barco CCA, celebrarase no marco das XX Xornadas Gastronómicas, do 28 de febreiro ao 9 de marzo
Doces típicos do Entroido. /Foto: Carlos G. Hervella.

As Xornadas Gastronómicas do Entroido organizadas por AEVA e O Barco CCA cumpren XX anos e para celebralo, incorporan unha interesante novidade: o I concurso de maridanza que se desenvolverá do 28 de febreiro ao 9 de marzo.

Trátase dunha iniciativa que nace co principal obxectivo de unir os sabores do Entroido co viño da D.O. Valdeorras, fomentando o coñecemento do sector vitivinícola entre a sociedade. Nesta primeira edición participarán oito establecementos hostaleiros do Barco que elaborarán un menú pechado con primeiro e segundo prato e sobremesa, sendo o primeiro o que se maridará cun viño de Valdeorras. O prezo incluirá media copa do caldo proposto polo restaurante e o comensal decidirá se desexa continuar con el para o segundo.

O día 9 de marzo un xurado profesional visitará os restaurantes para catar e valorar as súas maridaxes pero o público poderá tamén valoralas cubrindo as fichas que lles entregarán co menú.

Con respecto aos premios haberá dúas categorías: premios aos restaurantes (trofeo e diploma á mellor maridanza con branco e á mellor maridanza con tinto, ademais dun certificado de participación a todos os establecementos participantes); e ao xurado popular, co sorteo de seis visitas de Enoturismo para dúas persoas a adegas da Ruta do Viño de Valdeorras con cata.

Tamén haberá premio á mellor foto do Entroido. Entre as imaxes recibidas (cun elemento identificativo do restaurante, prato e viño) sortearanse dúas visitas de Enoturismo para dúas persoas. Este concurso farase en Instagram co hastag #maridanzanoentroido.

Na iniciativa colaboran o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, a Asociación Ruta do Viño de Valdeorras e o Concello do Barco e inclúe unha xornada formativa teórico-práctica de maridaxe, dirixida a hostaleiros e empreados, que se celebrará o luns 25 de febreiro a partir das 17 horas.

 

Restaurantes participantes nas xornadas e menús.

Artigos relacionados

Back to top button