OurenseÚltima hora

Óliver Laxe ficcionará o lume en Galicia no seu vindeiro traballo “Aquilo que arde”

O cineasta elixiu o OUFF para presentar as primeiras imaxes brutas do que será un filme que terá como protagonistas a un pirómano e un brigadista
Óliver Laxe presentou as imaxes brutas dos lumes que gravou este verán . // Foto: Carlos Asensio.

Lumes e Galicia, dous conceptos que, por desgracia, van moi unidos e son as liñas coas que nace o vindeiro traballo do cineasta Óliver Laxe titulado “Aquilo que arde”. Un traballo aínda en construción e que hoxe, 26 de outubro, o público do Liceo de Ourense puido coñecer as primeiras imaxes. Un evento enmarcado dentro da semana grande do cinema da capital, o Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF).

Unha obra que lle toca ben fonda ao seu director “xa que é un mundo que me penetrou dende os Ancares e na Terra Chá, terra dos meus avós”.

Imaxes brutas de lume tomadas na provincia de Ourense foi o que Laxe presentou ao ateigado auditorio. Segundo comentou, estiveron filmando este verán “durante 15 días” canda ao distrito de incendios número XII de Ourense. Línguas de fume, brigadistas desesperados apagando as lapas, “soles de sangue”, dixo Laxe, son o que quixo captar. “O meu obxectivo con este traballo non é buscar culpables xa que no fondo somos todos un pouco culpables”, asegurou o cineasta, reiterando que “ese sería o camiño fácil”.

O auditorio do Liceo encheuse de curisosos que se achegaron para coñecer o traballo do director. // Foto: Carlos Asensio.

Óliver Laxe e o seu equipo, “formado por unhas seis persoas”, tiveron que pasar probas físicas e exames médicos para poder traballar canda aos brigadistas ourensáns. “Houbo momentos de esgotamento físico e momentos de agarda”, contou Laxe. Eses momentos Laxe os comparou “como cando un surfista está a agardar pola gran onda” e, finalmente chegou. Foi no último día de rodaxe onde conseguiron esas esperadas imaxes de lumes, durante ese gran incendio de Monterrei acaecido durante este verán e que levou tras de si unhas mil hectáreas.

Neste momento foi cando o director e o seu equipo puideron captar as imaxes de combater o lume coa “técnica de contralume”. Isto quere dicir que “hai que sacrificar vida para salvar outra vida”, explicou Óliver Laxe. Neste senso, o director soubo captar, como el ben dixo, “esa cópula entre o lume que forma unha grande columna e iso fai que as lapas freen o seu percorrido”. Unhas imaxes que “normalmente son as que corren polas redes sociais asegurando que son os brigadistas os que queiman o monte”. E é ben certo, xa que nesa toma aparecía un deses efectivos prendendo vexetación de monte baixo como medida de contención dun grande lume.

Tamén as personalidades públicas ourensás se achegaron até o Liceo. // Foto: Carlos Asensio.

Pero estas primeiras imaxes de “Aquilo que arde” só son unha pequena parte do que esta produción pretende ser xa que, cando estea rematada, os espectadores verán unha película de ficción na que os protagonistas, “un brigadista e un pirómano que sae do cárcere e volve ao seu pobo”, explicou o director, verán as dúas perspectivas do lume en Galicia.

Premio cidade de Ourense

E froito, ou non, da casualidade, o premio Cidade de Ourense da pasada edición, Óliver Laxe, pasoulle a testemuña aos galardoados desta edición tras a súa presentación. O proxecto “Cinema en curso”, un programa de pedagoxía no cine que arrancou no 2005 en Cataluña e que actualmente está a levarse a cabo en Galicia, a través da coordinación do CGAI en colaboración co Plan Proxecta, baixo o brazo de Mónica García e Lucía Vilela. Ambas as dúas coordinadoras recibiron o premio da man do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Lucía Vilela sinalou que esta é “unha ocasión para celebrar a aposta dos docentes e o seu grande traballo para situar o cinema nun lugar importante nos seus centros”. Pola súa banda, Mónica García explicou que un dos obxectivos de “Cinema en Curso” é que “os mozos descubran o cinema por primeira vez e de crear persoas sensibles que sexan capaces de coñecer e recoñecer as diferentes realidades da súa contorna”.

Un dos cineastas que participaron nesta iniciativa educativa, Ángel Santos, asegurou que participar en “Cinema en Curso” porque “os cienastas aprendemos moito” cos rapaces e asegurou que “eu son mellor cineasta dende que participo neste programa”.

Fran Gayo, Mónica García, Jesús Vázquez e Lucía Vilela. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button