En portadaÚltima hora

Oliver Laxe, Premio Cidade de Ourense no 21 OUFF

Co filme Mimosas (2016) vén de acadar o gran premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes
O director de cinema, Oliver Laxe.
O director de cinema, Oliver Laxe.

Como recoñecemento ao seu labor de creación e espallamento do cinema galego fóra da comunidade, o 21º Festival de Cine Internacional de Cine de Ourense (OUFF) vén de concederlle a Oliver Laxe o Premio Cidade de Ourense. Este cineasta, nado en París pero de orixe galega, posúe unha salientable traxectoria na que se inclúen galardóns de carácter internacional como é o caso do recente gran premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes polo seu filme “Mimosas” (2016).

Laxe formouse en cine e realización na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e, despois de vivir unha tempada en Londres, realizou as curtametraxes “E as chemineas decidiron escapar” -en colaboración con Enrique Aguilar-, “Soa unha trompeta, agora vexo outra cara”, e “París #1”. Estas pezas foron proxectadas e, en ocasións tamén premiadas, en certames coma o Festival Internacional de Cine de Xixón, o BAFICI, o Indielisboa e o Festival Internacional de Cine de Las Palmas, o Festival de Cine Experimental de Granada, o Filminho e o Play-Doc.

Imaxe do trailer de "Mimosas".
Imaxe do trailer de “Mimosas”.

Logo dunha estadía en Tánxer e de impartir clases de cinema nunha asociación de acollida de menores, realizaba “Todos vós sodes capitáns”, a súa primeira longametraxe. Estreábase na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes do 2010, onde se facía co premio FIPRESCI da crítica internacional, convertíndose así no terceiro español en obtelo tras Icíar Bollaín (con “Flores de otro mundo”, en 1999) e Antonio Méndez Esparza (con “Aquí y allá” en 2012).

Nestes momentos, Laxe está centrado na súa próxima longametraxe, “Aquilo que arde”, na que recurrindo ao que se denomina falso documental, tece unha ficción feita con parte de personaxes reais e parte de actores. Neste novo traballo achega unha ollada moi persoal que xorde da atracción do director pola figura dun pirómano: Ramón.

Artigos relacionados

Back to top button