ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Once comercios da Rúa participan este venres na IV Noite dos Descontos

A hostalaría e a charanga Terras do Bibei súmanse á iniciativa organizada por AEVA en colaboración co Concello

Música nas rúas, degustacións nos comercios e importantes descontos. É o que ofrece a IV edición da campaña Noite dos Descontos na Rúa organizada por AEVA en colaboración co Concello que se celebrará este venres 8 de xuño entre as 20 horas e a medianoite.

Trátase dunha iniciativa de promoción de vendas “combinando unha noite de compras e lecer animando aos veciños a saír ás rúas atraídos polas promocións nos establecementos e gozando coas actividades que temos programadas”. Así presentaban a campaña na tarde do 6 de xuño no Salón de Plenos do Concello rues, nun acto ao que asistiron a xerente de AEVA, Luisa López, o alcalde da Rúa, Luís Fernández, e varios representantes do sector comercio rues.

Na IV Noite dos Descontos participarán once establecementos de distintos sectores (téxtil, beleza,  complementos, deporte,…) un máis que o ano pasado: Deportes Aris, Entredos, Perfumería Compostela, Mercería Raquel, Confecciones Rosendo, Confecciones Mondelo, Cool Balea, Tri-Sport, Okre, Fios e Arnaveca Comunicación. Todos eles ofrecerán artigos de tempada a prezos rebaixados e degustacións aos clientes que acudan aos locais, cunha decoración específica para a ocasión. A animación musical correrá por conta da Banda de Gaitas Abertal que percorrerá as rúas da vila cos seus sons tradicionais, e tamén da Charanga Terras do Bibei que se suma este ano á iniciativa.

Na presentación, o alcalde anunciou que este ano tamén se suma á Noite dos Descontos á hostalaría, “proporcionando consumición gratis a aquelas persoas que presenten un vale por un importe superior aos 30 euros”. Os comerciantes pola súa banda aseguraron que “está ben promocionar para ver se se dinamiza un pouco máis o comercio”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button