ConcellosÚltima hora

Once voluntarios prestarán este verán os seus servizos nas actividades municipais de Quiroga

O alcalde Julio Álvarez e a concelleira de Xuventude Ana Lucía Nogueira, asinaron o acordo de colaboración cos mozos

Actuar como monitores nos campamentos de verán que o Concello puxo en marcha a primeiros de xullo (nos que hai medio cento de nenos de 4 a 12 anos) ou dar apoio nos servizos culturais e sociais do Concello. Son algúns dos labores que levan a cabo os once voluntarios que prestarán os seus servizos no desenvolvemento de actividades municipais ao longo da época estival en Quiroga, grazas un ano máis, á Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o Concello de Quiroga quen tamén fai unha aportación económica a este convenio.

A sinatura do acordo tiña lugar na mañá do 2 de agosto por parte do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez e da concelleira de Xuventude, Ana Lucía Nogueira cos propios voluntarios.

Trátase dun Programa de Voluntariado que o Concello de Quiroga pon en marcha todos os veráns, “dirixido a estudantes que xa cursan os seus estudos universitarios mais tamén para os que aínda fan o propio na vila lucense”, explican dende o ente local. Os voluntarios, que están cubertos mediante un seguro e que non reciben ningunha compensación económica, están supervisados en todo momento polos traballadores do concello responsables de cada área na que os mozos levan a cabo o seu traballo. Unhas tarefas que lles permite adquirir novos coñecementos que aplicar á súa vida profesional e experiencia que poderán engadir ao seu curriculum.

Artigos relacionados

Back to top button