OurenseÚltima hora

A Operación Quilo implica a máis de 300 comercios ourensáns e ao mundo do deporte

Os clubs están moi comprometidos, organizando eventos deportivos no que recollen alimentos no canto de entradas
Caixas de recollida de alimentos.

A Asociación Xuvenil Amencer organiza, como cada ano, a Operación Quilo. En concerto, hai 31 anos que celebran esta campaña en colaboración con diferentes organismos como Cáritas Diocesana de Ourense.

Dende mediados do mes de novembro, Amencer está a contactar con empresas do ramo da alimentación e xogueterías de Ourense para que poidan aportar o que eles desexen. Tamén contan coa colaboración de supermercados da cidade no que instalan un carriño da compra cos carteis da operación quilo para que toda persoa que merque no establecemento poida deixar o seu donativo.

E o pequeno comercio tamén se sumou a esta Operación Quilo. Máis de 300 comercios incorporaron o seu “peto” co logotipo desta campaña para facilitar aos usuarios destes comercios que poidan depositar o seu donativo. Asemade, en moitas perruquerías pódese colaborar mercando un laciño laranxa.

A todo isto hai que sumar que, como novidade deste ano, teñen a súa “Báscula Viaxeira”, que vai polas diferentes organizacións para que, quen o desexe, poida doar o seu peso en quilos de comida. O pasado venres, 1 de decembro, a báscula foi á Confederación de Empresarios de Ourense.

E o mundo do deporte tamén está implicado con esta iniciativa. Varias entidades deportivas están a organizar os seus eventos deportivos no que o público aporta quilos de alimentos en vez dunha entrada, como foi o caso de onte, 10 de decembro, que o Club Voleibol Ourense recolleu alimentos no seu partido contra o Setao no pavillón do Pompeo, en Ourense . E este venres, 15 de decembro, celebrarase a Copa Club Ximnasia Pavillón pro Operación Quilo, e o sábado 16, ás 17:00 horas, o equipo de fútbol sala feminino As Burgas organiza un partido solidario tamén para recoller alimentos.

Todos os interesados en facer algún tipo de donativo poden acudir a eses puntos de recollida como os supermercados, a Confederación de Empresarios de Ourense, o Concello de Ourense ou a propia sede de Amencer, na praza Don Bosco 1. Ao mesmo tempo, teñen unha conta aberta para poder facer calquera donativo económico. En calquera sucursal de Abanca co número ES12 2080 5261 1130 0001 1450 indicando como concepto “Operación Quilo”.

Todo o recadado vaise distribuír entre os menos favorecidos a través de Cáritas parroquiais.

Artigos relacionados

Back to top button