ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

As oportunidades e desafíos da tecnoloxía para o comercio de proximidade

O Barco era a única localidade da provincia na que se impartía o “Taller de emprendemento e creatividade tecnolóxica”

“As nosas maneiras de mercar van mudando coas tecnoloxías, o espazo off line (a tenda física) e on line vaise mesturando e, a maiores disto, están as redes sociais”, aseguraba a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, nos “Talleres de emprendemento e creatividade tecnolóxica que se impartían no Barco o 17 de novembro no edificio multiusos do Concello. Ela era a primeira dos catro ponentes que interviñan nesta iniciativa formativa organizada pola Federación Galega de Comercio en colaboración coa Federación de Comercio de Ourense, AEVA, o CCA de O Barco e a Xunta de Galicia.

A directora xeral de Comercio explicaba pormenorizadamente aos asistentes ás ferramentas que a Administración autonómica facilita a empresarios e emprendedores no eido das novas tecnoloxías e animaba ao comercio de proxmidade a dar o paso da venda por internet xa que supón unha “oportunidade de ter un escaparate aberto á globalidade”. De seguido interviña Montserrat Rodríguez, inspectora do Instituto Galego de Consumo, quen expoñía unha serie de requisitos legais básicos que deben cumprirse na actividade comercial dun establecemento, ademais de resolver diversas dúbidas dos presentes.

Neste encontro tamén participaba Ismael Tato Rodríguez, de Agroviloira, quen compartía a súa experiencia na venda por internet de artigos relacionados co agro. Esta empresa comezaba no mercado español, pero agora mesmo xa vende a diferentes países. “Estamos nunha fase inicial, pero aínda así estamos vendendo por internet a clientes que non saben nin onde está España”, sinalaba. A súa intención é seguir incidindo na venda on line, tendo en conta os bos resultados que están tendo.

Estes talleres pechábanse coa intervención de Miguel Ángel Bermúdez, de Medios de Pago e Desenrolo de Negocio de Abanca. Neles contábase coa presenza de José María Seijas e Beatriz Gómez, presidentes da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Ourense, respectivamente; que estiveron acompañados pola representante do sector Comercio de AEVA, Pamén Cruz, e da presidenta do CCA O Barco, Sandra Moldes. Esta acción formativa estase a desenvolver nas diferentes provincias galegas, sendo O Barco a única localidade ourensá na que se levaban a cabo.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button