OurenseÚltima hora

A oposición ourensá aproba “pedir axuda” á Xunta e ao Goberno na xestión do Concello

Democracia Ourensana e PSdeG sumáronse para pedir esa colaboración externa mentres que o Goberno Municipal defende a súa xestión
Momento da votación na sesión plenaria de hoxe.

O Pleno Extraordinario do Concello de Ourense celebrado hoxe, 25 de xaneiro, aprobou cos votos a favor de Democracia Ourensana e PSdeG-PSOE, que suman un total de 13, e a abstención de Ourense en Común (2 votos), para pedir a “urxente colaboración” das administracións Autonómica e Central para xestionar o Concello de Ourense.

Entre os alegatos presentados polo grupo liderado por Gonzalo Pérez Jácome están as “perdas de subvencións, non executar obras e concesións caducadas”, así como ter prorrogados os orzamentos locais máis de catro anos: “nunca sucedeu nunha capital de provincia tal cosa”, argumentou Jácome na súa intervención desta sesión extraordinaria.

Tanto Ourense en Común como Democracia Ourensana acordaron en cualificar a Jesús Vázquez como “o peor xestor que tivo a cidade”. Non en cambio, para o líder do Grupo Municipal Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, o principal problema que presenta o Concello de Ourense a estas alturas da lexislatura é a “falta de orzamentos”, volvendo a repetir as verbas de Jácome, asegurando que leva “catro anos consecutivos sen elevar a este pleno unha proposta”.

Pola súa banda, a concelleira delegada de Facenda, Ana Morenza, defendeu a súa xestión: “é impecable”, dixo. Non sen antes aseverar que esta sesión extraordinaria íalles custar aos cidadáns varios cartos por facer o que cualificou de “polémicas estériles”. A tensión foi en aumento no Salón Nobre do Concello de Ourense, ata o punto de que o alcalde e moderador da Sesión Plenara, Jesús Vázquez, díxolle a Pérez Jácome que rematase “co seu circo”.

Artigos relacionados

Back to top button