PolíticaÚltima hora

A oposición ourensá busca aprobar o PXOM en base ao texto anterior e sen xerar gastos á Corporación

Os grupos Socialista, Democracia Ourensana e Ourense en Común reuníronse para sacar propostas en materia de Urbanismo, Termalismo, Fiscalidade, Benestar Social ou Contratación, entre outros
Edificio do Concello de Ourense.

O Grupo Municipal Socialista, Democracia Ourensana e Ourense en Común mantiveron varias reunións de traballo durante os meses de novembro e decembro das cales saíron varias áreas programáticas divididas en nove bloques de propostas para este novo ano.

En materia de Urbanismo, os grupos da oposición manteñen como principal obxectivo a aprobación do PXOM “en base ao texto aprobado inicialmente e sen xerar gastos á Corporación Municipal”. Ao mesmo tempo propoñen facer unha revisión e descarte das modificacións presentadas polo PP en base ao criterio de “edificabilidade e redución de cargas”.

Por outra banda, propoñen crear unha comisión de investigación, formada por todos os grupos políticos , que depure as responsabilidades técnicas e políticas derivadas da recente anulación da Ordenación Provisional Urbanística do Concello de Ourense por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En canto á Alta Velocidade, a oposición proporá que se integre na capital baseándose no mínimo impacto ambiental, social e patrimonial; recuperación de espazos non xerando novas barreiras na mobilidade urbana e unha estación intermodal “real e efectiva” entre os diferentes medios de transporte.

Na área de Termalismo, o Grupo Municpal Socialista, Democracia Ourensana e Ourense en Común proporán a creación dunha Sociedade Mercantil Pública de Augas de Ourense, encargada da planificación, xestión e promoción dos recursos termais do municipio, garantindo que “sexan patrimonio público”, resaltan.

Asemade, proporán a promoción “dunha oferta real a diferentes escalas” e o traslado do Matadoiro Municipal e o estudio de alternativas para o traslado do Parque de Bombeiros “co fin de acadar a completa liberación da zona termal de a Chavasqueira”; a revisión do Plan Estratéxico Termal; o desbloqueo do Centro de Interpretación de Recursos Termais de Galicia en Quintela e a construción dun Aparcamento na zona termal de Outariz.

A oposición tamén marcouse como obxectivo unha reforma na política fiscal para que baixe a presión de impostos sobre os cidadáns, así como o establecemento de medidas fiscais para fomentar a eficiencia enerxética e as enerxías renovables. A isto súmase a “universalización” do IBI para que todos os inmobles do termo municipal “que non teñan unha función pública” paguen devandita taxa.

En materia de Benestar Social pretenden a creación de 3 novos centros cívicos (O Vinteún, O Couto e As Lagoas); a recuperación do Proxecto Orzamentos Participativos, que consistirá na reserva dunha partida anual para o financiamento de proxectos, propostos e elixidos pola propia cidadanía e o incremento das Bolsas de Libros e Comedor Escolar para familias con maior vulnerabilidade económica da cidade.

Contratación e persoal

Neste área acordaron elaborar unha carta de servizos municipais coa fin de concretar e programar os servizos a prestar polo Concello. Ao mesmo tempo todas as contratacións que se fagan dende o consistorio faranse “dun xeito escrupuloso polos principios de transparencia e información”.

En canto ao persoal municipal, proporase un plan de avaliación da xestión municipal e efectos de “reorganización do persoal funcionario do Concello”. Por outra banda, pretenden levar a cabo unha dotación orzamentaria e desenvolvemento do Plan de Emprego Municipal; un Sistema de Control de Persoal no Concello para fomentar as prácticas de flexibilización do horario laboral e un Regulamento de Produtividade.

Artigos relacionados

Back to top button