En portadaÚltima hora

Os 4 grupos políticos do Concello do Barco apoian a manifestación en defensa do hospital

No pleno celebrado esta tarde aprobábase por unanimidade unha moción do BNG que pide recuperar os servizos sanitarios perdidos neste centro na última década

 

Por unanimidade dos catro grupos políticos con represenación na Corporación municipal do Barco (PSdeG-PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) saía adiante no pleno deste xoves a moción presentada polo edil nacionalista Suso Vilasánchez para a “recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía” este centro hospitalario, así como “dos cadros de persoal e de Atención Primaria e das melloras estruturais e materiais de traballo”.

Era unha extensa e documentada moción coa que “intentei facer unha secuencia do que está pasando no noso hospital”, dicía o concelleiro do BNG, que comezaba recordando que no “ano 2011, hai unha década, figuraban como cadro básico de persoal do por aquel entón Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV), 401 traballadores/as. Mais á parte estaban contratadas de modo permanente 9 profesionais por riba de cadro básico e tamén contaba con empresas concertadas como as de limpeza e seguridade. Os cadros básicos de persoal eran públicos e coñecidos por todos, e podían atoparse no Diario Oficial de Galicia”. Dese cadro de persoal, 272 eran persoal sanitario asistencial e de admisión, e deses: “62 eran facultativos: médicos, farmacéuticas, psicóloga, etc”.

E, ademais de detaller a súa carteira de servizos, resaltaba que nese momento o HCV era un “ente autónomo dentro do que era un sistema público de saúde, con obxectivos comúns a todo o sistema, e obxectivos individuais segundo as patoloxías prevalentes e necesidades da por aquel entón Área Sanitaria de Valdeorras”.

Foi a partir do 2011, dicía Vilasánchez, cando todo comezou a cambiar coa “creación das EOXI (estruturas organizativas de xestión integrada), creadas polo Decreto 168/2010, do 7 de outubro, que eran instrumentos de organización do Sistema Sanitario que integraban e xestionaban de maneira unitaria tódolos recursos sanitarios do seu ámbito territorial”. E, “de pronto todo se centrou en Ourense: se había que recortar recortábase en Valdeorras, se facían falta especialistas sacábanselle a Valdeorras e levábanse para outros hospitais; e Valdeorras comezou a perder servizos”, engadía, “foi cando comezou a secuencia de morte paulatina do hospital”.

 

O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez (á esquerda da imaxe), xunto aos voceiros de Riada Cidadá, do PP, e fronte do PSdeG-PSOE, durante o pleno.

 

E, tras unha década, Vilasánchez considera que “a situación do centro hospitalario é desastrosa, basta con ver como servizos clínicos que antes tiñan 4 profesionais como por exemplo cirurxía xeral (até 5 chegou a ter no ano 1997) hoxe fican reducidos a 1 só profesional ao que lle teñen que vir a dar apoio dende Ourense; ou servizos como traumatoloxía que de 3 facultativos especialistas fica con só 1 que tamén precisa apoio dende Ourense. Ou darse conta que servizos como o de uroloxía e cardioloxía que tiñan praza orzamentada no HPV fican sen nada e téñense que desprazar médicos dende Ourense a pasar consulta e facer intervencións “menores”, ou que o servizo de dermatoloxía fica desaparecido”. Ademais indicaba que “trátase de recuperar aquel consenso que, por circunstancias que descoñecemos, perdeuse, e queremos recuperalo”.

Referíase tamén á importancia de atender patoloxías prevalentes na comarca, como son as relacionadas co sector da lousa, “xa que o hospital actualmente non está dimensionado para facerlle fronte”, e nese senso o concelleiro do BNG destacaba a necesidade de “crear un servizo de neumoloxía potente”. Ademais, dada a distancia co hospital de referencia, apuntaba a importancia de contar en Valdeorras cunha base do 061 “para actuar en emerxencias e traslados de pacientes graves” tal e como ocorre nos distritos e zonas sanitarias de Ferrol, Santiago, Lugo, Foz ou Monforte, entre outras.

Finalmente a moción propoñía os seguintes acordos, que resultaban aprobados polo conxunto da Corporación: que o “Concello do Barco manifeste o seu apoio aos diversos actos e manifestacións que respectando a legalidade vixente sexan promovidos polas organizacións sindicais ou cidadanía da comarca na procura da fundamental recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía o Hospital Público de Valdeorras e dos cadros de persoal de atención primaria, así como as melloras estruturais dos centros e materiais de traballo; que o Concello do Barco solicitará a visita institucional inmediata, tanto do Xerente de Área de Ourense como do propio Conselleiro de Sanidade, para que dean explicacións sobre o presente e o futuro a curto e a medio prazo da sanidade na comarca”, ademais de instar á Consellería de Sanidade “á creación no Distrito Sanitario de Valdeorras dunha base do 061 con ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, encadrada dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia (RTSUG-061)”.

Na quenda de intervencións, o voceiro de Riada Cidadá, Félix Yáñez, amosaba o seu total acordo ás propostas da moción. De maneira similar se manfiestaba a voceira municipal do PP, Sabina Aguado, indicando que “a proposta está feita en favor dos veciños e dos servizos, e sempre imos estar ao lado da saúde dos nosos veciños e na defensa dos seus intereses, antes que ningunha outra institución”. Tamén destacaba que a moción “non está cargada de contido político, senón de datos concretos sobre os servizos, sobre a falta de servizos e sobre a súa deficiencia e a carencia de persoal, e, en definitiva, de todos os problemas que acusan á nosa sanidade”. A concelleira popular aseguraba tamén que “estamos en contra de que esta situación se faga crónica e todo o que fagamos será para tratar de evitalo, estamos a favor de recuperar a efectividade total do noso hospital”.

 

O concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra.

 

Finalmente, interviña o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, apuntando que a moción constitúe “un relato certeiro sobre a realidade da sanidade local, unha síntese do que vai quedando do que era o Hospital Comarcal de Valdeorras”. Tamén lembraba que o partido socialista leva anos “denunciando este devir dende o Concello, xunto á cidadanía, na protesta, na reivindicación e en defensa do dereito a unha sanidade digna, e estivemos na rúa, en Valdeorras, en Santiago, xunto aos veciños, chamando a atención sobre este relato que se nos presenta. Buscamos pactos para atopar solucións a nivel de área, tamén no Parlamento galego, pero non foi posible”.

Saavedra resaltaba que a responsabilidade de xestionar a sanidade correspóndelle ao goberno da Xunta, que cualificaba de “conformista e que non acepta propostas de acordo e non é capaz de xestionar solucións”. Ademais aludía especialmente á situación do persoal sanitario, e en particular do médico, afirmando que “dentro de 5 anos haberá unha complexidade aínda maior, xa que non se tomaron decisións no pasado recente respecto ao relevo xeracional”.

Este punto centraba boa parte do pleno ordinario do Barco, se ben nel tamén se aprobaban por unanimidade outros puntos un ditame sobre o recoñecemento extraxudicial de crédito para subvención contrato piscina municipal descuberta e bar anexo na tempada 2020, unha bonificación no ICIO para unha veciña de Éntoma e unha moción presentada por Riada Cidadá e polo BNG para “solicitarlle ao Concello da Coruña a consideración da proposta de cambio de nome da rúa alcalde Peñamaría de Llano (tenente da lexión e alcalde da Coruña na ditadura) polo de Mártires de Valdeorras”.

En cambio, resultaba rexeitada por (9 votos en contra do PSdeG-PSOE fronte a 7 a favor do PP, BNG e Riada Cidadá) unha moción do PP sobre o estado das infraestruturas en Valdeorras, centrada no proxecto da A-76, na circunvalación e no ferrocarril.

Fotos: A.R.

Máis información:
https://osil.info/o-bng-pedira-no-pleno-do-barco-recuperar-os-servizos-sanitarios-perdidos-no-hospital-de-valdeorras/
https://osil.info/concentracion-en-defensa-do-hospital-de-valdeorras-e-dunha-sanidade-digna/

Artigos relacionados

Back to top button