PolíticaÚltima hora

Os 92 candidatos do PP ás alcaldías da provincia reúnense en Allariz

Un total de 36 candidatos liderarán por vez primeira unha lista popular, 17 delas mulleres

Co fin de “deseñar novas estratexias, propostas e proxectos supramunicipais de cara ás eleccións de maio” os candidatos do PP ás 92 alcaldías da provincia de Ourense mantiñan o 9 de marzo unha xuntanza en Allariz. O encontro aposta por un “formato innovador que vén a demostrar que pensamos e actuamos como equipo, cunha visión que vai máis aló do local e que se corresponde co noso concepto de provincia”, dixo o presidente provincial do PP, Manuel Baltar.

Distribuídos en mesas comarcais, os candidatos presentaron as principais iniciativas que se plantexan como concello, analizando a súa viablidade para desenvolver no contexto de cada comarca. Unha experiencia que cualificaron como moi positiva, con particular énfase por parte dos novos candidatos.

Manuel Baltar indicaba que esta xornada de traballo “é un paso máis na procura dos mellores resultados municipais da historia que tentaremos alcanzar, marcándonos como obxectivo superar as 65 alcaldías actuais e o récord de 71 concellos na provincia”. Un paso máis, aclaraba, “porque xa estamos desde hai tempo nunha intensa dinámica de traballo, e non só en campaña, que ten como punto de partida o histórico apoio electoral conseguido nas xerais de 2011 e nas autonómicas de 2016”.

Para lograr estes obxectivos, o PP deseñou un proxecto con 36 candidatos que lideran por vez primeira unha lista popular, 17 delas mulleres, “que hoxe se dan cita aquí para ter unha visión máis ampla de provincia, cun programa que presentaremos nunhas semanas para gobernar a Deputación, que non o esquezamos, tamén sae das urnas e, no noso caso, co único candidato coñecido a presidir a institución provincial”.

O presidente provincial recoñeceu, por outra banda, que a convocatoria de abril ás urnas terá a súa influencia en maio, “unha circunstancia excepcional para un ciclo histórico de eleccións –xerais, municipais e europeas- que non son dúas partes dun mesmo proceso, senón que se gañas o primeiro partido chegarás á final con máis vantaxe”.

Artigos relacionados

Back to top button