CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Os actores valdeorreses conquistan ao público coa representación de “En Familia”

Mañá haberá outro pase no Teatro Lauro Olmo do Barco e o domingo no Centro Cultural Avenida da Rúa

Un banco de madeira, un percheiro, unha mesa e un escritorio, serviron de decorado ao elenco de En Familia para poñer en escena a obra escrita polo dramaturgo uruguaio Florencio Sánchez.

Na tarde do 11 de outubro o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras acollía por segunda vez a historia dunha familia de clase media de principios do século XX que cae na desgracia económica, social e moral. A chegada dun dos seus fillos (o único traballador) e da súa muller, parece que vai mudar a situación de desesperación na que se atopa a nai, incapaz de controlar e alimentar aos tres fillos folgazáns que ten en casa e a un marido xogador e botado a perder, pero lonxe de ser así, o xove verase estafado polo su propio pai.

Trátase dun clásico do teatro uruguaio, que o actor, director e pedagogo teatral Raúl Rodríguez da Silva, decidía recrear en Valdeorras. Un reto que lograba a través dun obradoiro de teatro sobre o método Stanislavski, que impartía no marco do I Encontro Internacional de Teatro Paco González, organizado por Gabriel Prada, produtor da obra.

A estrea tiña lugar en agosto e dous meses despois, os oito actores valdeorreses que dan vida aos personaxes, volven subirse ao escenario, aproveitando a ponte do Pilar. Moito público asistía á sesión desta noite, pero quen o desexe pode asistir á de mañá, de novo ás 21h. no Teatro Lauro Olmo. O público da Rúa e arredores poderán desfrutar da obra o domingo 14 de outubro, ás 19:30h. no Centro Cultural Avenida.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button