Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Os alcaldes de Manzaneda e Oleiros explican na Rúa as súas políticas municipais

David Rodríguez e Ángel García participaron nunha charla-coloquio convidados por Podemos A Rúa e Petín

O municipalismo activo: crear poder popular. Ese foi o tema sobre o que xirou a charla-coloquio que na tarde do 16 de xuño protagonizaron os alcaldes de Manzaneda e Oleiros (A Coruña) na biblioteca municipal da localidade ruesa convidados por Podemos A Rúa e Petín, un encontro coa poboación no que falaron dos límites e posibilidades na acción municipal das políticas do cambio.

Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros (concello de A Coruña con 40.000 habitantes) dende hai 37 anos por Alternativa dos Veciños, explicou aos asistentes como se organizou o movemento veciñal do concello, os seus plans de ordenamento, a obriga de cumprir coa legalidade e como previr o caos urbanístico e ecolóxico, sendo a “legalidade e o civismo” termos chave para conseguir pasar de gobernar en minoría a facelo en maioría absoluta con 14 concelleiros, “contando sempre coa voz dos cidadáns”. O rexedor oleirense tamén reivindicou as posibilidades de Galicia e lamentou as políticas desenvolvidas por moitos gobernos municipais, asegurando que “temos un territorio marabilloso e se sabemos aproveitalo haberá vida. Traballando e querendo o que se fai, conséguense os obxectivos”.

David Rodríguez Estévez, pola súa banda, falou da súa experiencia como alcalde de AGE en Manzaneda, un municipio de montaña no que goberna dende o 2009 sendo capaz de convertelo nun referente no rural da provincia de Ourense. Rodríguez relatou as súas experiencias na creación de postos de traballo coa promoción de cooperativas (creáronse dúas no último ano) e a súa xestión dos asuntos sociais. Con respecto aos recursos que aproveitan e potencian dende o Concello, o turismo, a formación e o desenvolvemento sostible son claves, sen deixar de lado o apartado deportivo e sobre todo cultural que leva o 22% do presuposto. O rexedor de Manzaneda destacou asemade o logro conseguido nos últimos anos en canto á recuperación de tradicións “por parte dos veciños”, do aumento de negocios e mesmo de prazas hoteleiras, así como da recuperacion etnográfica, especialmente “de fornos que os veciños seguen usando para cocer o pan e ao mesmo tempo utilizan como punto de encontró”.

Artigos relacionados

Back to top button