OurenseÚltima hora

Os alcaldes do Eixo Atlántico reúnense coa responsable europea de Políticas Urbanas

A xuntanza desenvolvíase no salón de plenos do Concello de Ourense na mañá do 15 de setembro
O alcalde de Ourense, no centro, e á dereita o rexedor do Barco, Alfredo García, e o secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez.
O alcalde de Ourense, no centro, e á dereita o rexedor do Barco, Alfredo García, e o secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez.

Uns 25 e alcaldes e concelleiros de Galicia e Portugal, pertencentes ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, reuníanse na mañá do 15 de setembro coa responsable de Desenvolvemento Urbano da Comisión Europea, a húngara Judit Torokne. O encontro, que tiña como escenario o salón de plenos do Concello de Ourense, enmárcase dentro do deseño das políticas urbanas en Europa por parte do novo equipo de traballo comunitario “e serve como primeira reunión de perfil político entre os alcaldes do Eixo Atlántico e a Comisión para tratar asuntos de política urbana e a súa aplicación en Galicia e no Norte de Portugal”, tal e como se indica dende o Concello de Ourense.

Así no decurso desta xuntanza analizábase o desenvolvemento urbano das cidades, así como os fondos de financiamento que se habilitarán dende Europa. Tamén se abordaban os calendarios para os futuros fondos, cun horizonte estimado dun ano para articular diversas medidas.“É unha xornada de traballo conxunto moi frutífera, onde puidemos escoitar á responsable comunitaria de desenvolvemento local, Judit Torokne, sobre as novas políticas e directrices para o futuro dos municipios”, aseguraba o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez. Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, recalcaba a importancia da cooperación que se dá entre as cidades e vilas pertencentes ao Eixo Atlántico.

Un dos momentos da reunión, celebrada no salón de plenos do Concello de Ourense.
Un dos momentos da reunión, celebrada no salón de plenos do Concello de Ourense.

Xunto á responsable comunitaria de Desenvolvemento Local, Judit Torokne, estivo tamén Nicolas Gharbi, director xeral para a Política Rexional e Urbana do Competence Centre for Inclusive Growth, Urban and Territorial Development. Ao encontro asistían, ademais do rexedor de Ourense, os alcaldes do Barco de Valdeorras, Lugo, Lalín, Carballo, Monforte de Lemos e Sarria, así como concelleiros de A Coruña, Narón, Santiago de Compostela, Vigo e da Deputación de Lugo. No tocante ás cidades de Portugal, estaban os presidentes da Cámara de Bragança, Chaves, Guimaraes, Macedo de Cavaleiros, Maia, Mirandela, Paredes, Santa María da Feira, Vila do Conde e Vila Real, así como representantes institucionais da Cámara de Braga, Penafiel e Porto.

Artigos relacionados

Back to top button