CD RúaDeportesFútbolÚltima hora

Os alevíns do CD Rúa, subcampións do I Torneo Memorial Jesús P. Villaverde disputado en Ourense

Os rueses perdían na final, na tanda de penaltis ante os anfitrións, os alevíns da UD Ourense

 

Este días varios equipos da base do CD Rúa están inmersos no Torneo de fútbol 7 ‘Valdeorras Cup Perullo 2022’ que se está disputando no Campiño de Viloira, entre eles os alevíns que na pasada fin de semana  participaban xunto a outros nove equipos noutro torneo, organizado pola UD Ourense, no que volvían para casa como flamantes subcampións.

O campo ourensán de Vilar de Astrés acollía o I Torneo Memorial Jesús Pérez Villaverde “Suso”, de fútbol 11, unha modalidade á que non están acostumados a xogar os cativos da Rúa que adoitan facelo a fútbol 8 (a medio campo e cun balón máis pequeno), o que lle confería unha maior dificultade aos 17 xogadores que foron ata Ourense tanto do equipo de primeiro ano (alevín B) coma do de segundo (alevín A).

Na fase de grupos o conxunto rues disputaba dous partidos pola mañá. O primeiro ante o CD La Purísima ganaron 3-0 e un par de horas despois volvían gañar 2-0 á AD Bosco. Xa pola tarde, tralo xantar e unha boa sesión de convivencia, disputaban dous partidos máis, ambos con empate a 0, ante as EDC Xinzo e o Ourense CF.

 

Foto de familia dos alevíns coa copa de subcampións.

 

Nas semifinais tocoulles xogar contra o segundo do outro grupo, o Porriño Industrial CF, ao que vencía 2-0. Neste encontro ademais enfrontáronse dúas xogadoras que comparten vestiario na Selección Galega: Iris e Henar, esta última do equipo pontevedrés. E xa na final o CD Rúa víase as caras coa anfitrioa, a UD Ourense.

Adiantáronse os rojillos con gol de Mateo ao comezo do segundo tempo, pero a 3 minutos para o final, José Hervella ‘Manzaneda’ “cun golazo poñía as táboas”, din dende o club. Xa na tande de penaltis, e aínda que o gardameta amarelo, Alberto, paraba o terceiro penalti “e se metiamos gañabamos, o porteiro visitante adiviñaba o lanzamento de David e tocaba ir á morte súbita”, explica Álex Lorenzo, un dos adestradores, concluíndo que o seu xogador fallaba o quinto penalti quendando o trofeo na casa dos ourensáns. Malia non gañar, “os nenos fixeron un torneo impresionante e desfrutaron dunha xornada de convivencia incrible”, conclúe o técnico amarelo.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button