ConcellosÚltima hora

Os alfombristas da parroquia de Santo Estevo, na Rúa, participarán nun proxecto a nivel mundial con motivo do Xacobeo 21

O presidente da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago reuniuse con eles para explicarlles a iniciativa

 

Na tarde do sábado 7 de marzo, celebrábase na Rúa Vella unha xornada de convivencia entre representantes do Colectivo Independente de Alfombristas de Bueu e da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, e os membros da Asociación de Alfombristas da Parroquia de Santo Estevo, todos, membros da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago.

No local social ubicado no adro da igrexa, os asistentes intercambiaron opinións e experiencias en torno a esta apaixoante e fermosa afección, pero ademais, o presidente e a secretaria da Comisión Xestora, Miguel Ángel García Correa e Carmen Farto Pousada, presentaron aos veciños da Rúa o proxecto que levarán a cabo con motivo do Xacobeo 21, para poñer en relevo os diversos camiños que conflúen en Santiago de Compostela.

 

O logo da Comisión Xestora e Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago.

 

Tal como explicou García Correa, farano a través das alfombras florais que cada ano se realizan en centos de vilas de toda Europa con motivo da festa do Corpus Christi. Na comisión xa participan alfombristas de máis de cento sesenta cidades repartidas por veintidous  países (Alemania, Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Costa Rica, Panamá, Ecuador, El Salvador, Estados Unidos, Perú, Polonia, Honduras, Nicaragua, Guatemala, Lituania, México, India, Portugal, Italia, Venezuela e España).

O proxecto para levar a cabo a “afombra mundial” consiste en “coordinarse con todos aqueles alfombristas que queiran participar para que, en cada unha das localidades que pertenezan á Comisión, elaboren nun lugar emblemático da súa localidade, unha alfombra entre o 24 e o 25 de xullo de 2021 adicada ao Camiño de Santiago. Coa súa técnica, os seus materiais e o tamaño que elixan, pero en todas elas será o mesmo deseño”, explica o presidente. “Trátase de facer o mesmo día, a mesma alfombra en cada vila e cidade pero de forma conxunta a escala mundial”, conclúe Miguel Ángel.

A xornada de convivencia na Rúa remataba cunha merenda para todos os asistentes.

Fotos: Mónica G. Bellver

 

Artigos relacionados

Back to top button