DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Os alumnos do CEIP Otero Pedrayo corren para axudar aos nenos máis pobres

Con esta iniciativa, o centro barquense recadou cartos para “Save the Children”

En parellas agarrados da man, individualmente, atados con cordas e xunto a un adulto. Foron varias as formas nas que os alumnos do CEIP Otero Pedrayo do Barco de Valdeorras, dende os máis pequeniños ata o de 6º de Primaria, participaban na carreira solidaria a favor da ONG Save the Children.

Como xa fixeran noutra ocasión, ao longo da semana os cativos do centro barquense tiveron que conseguir patrocinadores para o seu carné de corredor (recadando cartos de familiares, amigos, veciños,…) e xa na mañá do 7 de abril tiñan lugar as competicións nas instalacións do Campiño de Viloira, ás que tamén asistían os pais e profesores.

Amais de pasalo ben e facer deporte, con esta iniciativa o colexio colabora cunha organización benéfica a favor dos nenos que pasan fame. Por iso, cada cativo recibiu un Diploma de Solidariedade co que Save the Children “agradece o seu esforzo e solidariedade” engadindo que “ao participar na XI Carreira Quilómetros e Solidariedade fixo posible que miles de nenos e nenas en Malí superen a fame que sofre a rexión do Sahel”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button