ConcellosO BarcoÚltima hora

Os alumnos de 2º do CM de Instalacións Eléctricas e Automáticas completan o proxecto de aforro enerxético no IES Lauro Olmo do Barco

Con esta iniciativa, que comezaba hai catro anos, cambiaron a iluminación convencional de todo o centro por tecnoloxía Led, logrando un aforro do 70%

 

Ao percorrer os pasillos do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, un percátase de que algo cambiou con respecto a hai uns anos en canto á iluminación. A luz é a mesma ou incluso mellor, pero en lugar de permanecer todas as luminarias encendidas, como pasaba antes e pode seguir pasando noutros centros educativos, están apagadas e unicamente se encenden conforme se vai camiñando.

É o milagre das novas tecnoloxías e tamén o traballo dos alumnos de 2º curso do Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas que cambiaron toda a iluminación convencional que había no centro (aulas, pasillos, baños, cafetería, exterior,…) por unha tecnoloxía máis moderna. “Agora o IES Lauro Olmo é 100% Led”, puntualiza Agustín Valcarce, xefe do Departamento de Electricidade e Electrónica do centro barquense.

 

Algúns dos alumnos que realizaron o proxecto, percorrendo os pasillos do IES Lauro Olmo.

 

Alejandro, Diego, Manuel, Víctor, Bea, Theo e Rubén son os alumnos deste curso que completaron o traballo, poñendo a guinda a un proxecto de eficiencia e optimización enerxética, pero tamén educativo, que comezaba hai catro anos nos cales actuaron nun total de 1.000 puntos de luz. Un traballo meticuloso que unicamente realizaban dúas tardes á semana e algún recreo para non interferir no funcionamento do resto do centro “e tamén porque presupostariamente non podiamos acometer toda a obra dun golpe co cal fomos facéndoo por partes”, explica o xefe do departamento.

El mesmo destaca que un dos aspectos máis relevante do traballo realizado é que nas zonas comúns como os pasillos ou os baños, así como todo o exterior, o sistema é completamente automático, activándose con detectores de presenza e, no caso do exterior, tamén con detectores lumínicos “é dicir, se hai luz suficiente non se activará o sistema co cal supón un aforro importante e ademais mentres os alumnos están en clase as luces dos pasillos están apagados, encendéndose unicamente cando acceden a eles”. Especialmente orgullosos están da aula de música cuxa instalación renovaron por completo, instalando modernos e estéticos puntos de luz.

 

Farola fotovoltaica autónoma no patio do instituto.

 

Outra parte interesante da iniciativa é o fomento do espírito emprededor, implicando aos alumnos dende o inicio, non só na execución, senón na elaboración do proxecto e dun presuposto, indo incluso aos alamacéns para negociar os prezos dos materiais e despois instalalos, coma se dunha empresa se tratara. “Os alumnos están encantados coa actividade porque á parte da formación teórica que lles demos, fixérono eles e ven que funciona, algo que lles resulta gratificante e tamén moi educativo xa que aprenden dos seus propios erros”, asegura Valcarce, destacando a colaboración de todo o departamento, tanto compañeiros deste ano como doutros que pasaron polo instituto, e tamén o apoio do equipo directivo tanto persoal como financieiramente, aportando os 10.000 euros de investimento en material. “Pode parecer moito pero amortízase en dous anos, grazas ao aforro enerxético do 70%. Aínda que gora pode que non se aprecie na factura pola continua suba da tarifa, o consumo si é moito menor, e de feito, se non se houbera cambiado a iluminación a estas alturas estaríase pagando 1.000 euros máis”, explica.

Segundo o xefe do departamento, o de Instalacións Eléctricas e Automáticas é un ciclo con moita demanda laboral e de cara ao futuro a idea é comezar outro proxecto de enerxías renovables, cunha minicentral eólica e unha rede de iluminación solar fotovoltaica no exterior, para abastecer de electricidade ao departamento que dirixe.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button