En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

Os alumnos do CEIP Manuel Respino da Rúa aprenden primeiros auxilios xogando

Os cursos de 3º e 4º de Primaria participaban no obradoiro “Pupas, sustos e outros desgustos”, que desenvolve a EOXI de Ourense en diferentes centros da provincia

Que se pode facer ante un golpe na cabeza, un atragantamento, un corte, a mordura dun animal ou unha queimadura se non hai un adulto preto ao que recurrir. Isto é o que aprendían os alumnos de 3º e 4º de primaria do CEIP Manuel Respino da Rúa durante o obradoiro de primeiros auxilios “Pupas, sustos e outros desgustos”, que impartía na mañá do 10 de xuño Verónica Civeira, enfermeira do Carballiño e promotora do programa.

O obradoiro permite que os cativos sexan capaces de recoñecer e actuar ante unha situación de emerxencia, así como a responsabilizarse do autocoidado da súa saúde, perdendo o medo ante situacións da vida diaria. Tamén para que saiban cando e como alertar aos servizos sanitarios ante unha emerxencia, así como para actuar inmediatamente”, explican dende a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, organizadora da actividade.

No centro rues facíanse dos grupos nos que participaban medio cento de escolares, o primeiro ás 10h. e o segundo as 12h. A formación, na que tamén se contaba co apoio de varias enfermeiras de Atención Primaria de Valdeorras e dunha médico do PAC do Barco, constaba de dúas partes. A primeira era máis teórica con explicacións orais e tamén con proxeccións adaptadas para nenos, nas que se abordaban cuestións como que é a febre ou unha gastroenterite e como se debe actuar nesa situación.

Tamén aprendían a diferenciar os diversos tipos de feridas que hai (golpes, cortes, mordeduras de animais, queimaduras…) e como deben tratarse en cada caso, o que se fai ben e o que se fai mal. Cada explicación ía acompañada dun xogo práctico para que os nenos memorizasen o que se debe facer.

Nunha segunda parte do obradoiro, moito máis práctica, os alumnos botando man dun peluche que traían de casa aprendían como facer a maniobra de Heimlich en caso de atrangamento. Ao final da formación, cada neno recibía o seu diploma.

Este programa, que está a ter unha moi boa acollida, está a desenvolverse en diferentes centros escolares da provincia de Ourense e está previsto que continúe o vindeiro curso.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button