CarballedaConcellosÚltima hora

Os alumnos do CPI Tomás Terrón Mendaña participan na plantación de árbores en Sobradelo

A actividade, organizada polo Distrito Forestal XIII Valdeorras-Trives, enmárcase na celebración do Día da Árbore

Publicidade

 

Continúa o programa de actividades medioambientais organizado polo Distrito Forestal XIII Valdeorras-Trives con motivo do Día da Árbore, nesta ocasión no concello de Carballeda de Valdeorras.

 

 

Tras repoboar parte da zona afectada por un incendio no concello de Rubiá, axudados polos alumnos do CEIP Virxe do Camiño, na mañá deste xoves 24 de marzo, os axentes forestais desprazábanse ata Sobradelo para plantar árbores nunha zona preto do Camiño de Inverno que ardeu o pasado verán, en tres incendios consecutivos a carón da vía pola catenaria dun tren.

 

 

Tal como explica a directora do centro escolar, Berta Gudiña, con esta actividade poñen o seu gran de area na repoboación e “tamén intentamos que os nenos se den conta de que se non o facemos as árbores non estarán aí para o futuro”, di.

 

 

Nesta ocasión plantaron 22 sobreiras (Quercus suber) e 3 servais dos cazadores (Sorbus aucuparia), “árbores traídas do viveiro de Maceda dependente da sección de Montes da Consellería de Medio Ambiente”, puntualiza o axente biif Isidro Martínez.

 

 

As actividades da semana da árbore en Valdeorras rematarán mañá venres 25 de marzo nos xardíns da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, onde plantarán 4 árbores cos nenos do colexio Ramón Otero Pedrayo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button