DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Os amigables entre as seleccións galega e francesa de fútbol gaélico, xuntaron a afeccionados de toda Galicia

Os partidos masculino e feminino, celebráronse na tarde do 18 de marzo no Campus de Ourense

De “éxito” califican dende o Auriense FG o dobre encontro amigable entre as seleccións galega e francesa de fútbol gaélico, disputado esta fin de semana no campo de rugbi do Campus de Ourense.

Tal como explican dende a organización (a Asociación Galega de Fútbol Gaélico), a xornada do sábado 18 de marzo comezou coa recepción dos combinados franceses e a celebración dunha rolda de prensa cos capitáns e corpo técnico de ambos combinados “onde se repasou a actualidade do fútbol gaélico galego e europeo e as sensacións dos protagonistas da tarde”.

Xa pola tarde, o encontro feminino comezaba de cara para o conxunto francés que “tras 3 temperáns goles chegou a lidear o marcador”. Mediada a primeira parte a selección galega reaccionou e acurtou distancias ata chegar ao descanso dos primeiros 30 minutos con 4 puntos de desvantaxe. Na segunda parte consolidouse a remontada das galegas, nembargantes “un par de desaxustes defensivos, case chegados ao desconto, permitiron ás francesas igualar a contenda rematando nun empate a 28 puntos”, explican dende a organización.

Tralo feminino, comezaba o encontro masculino, moi parello ao principio. Porén, “os galegos comezaron a cometer algunha imprecisión e os franceses, con máis acerto anotador, levaron a iniciativa do xogo chegando ao descanso 10-20, desvantaxe demasiado ampla para o visto no campo”, aseguran dende a organización. Con todo, na segunda parte o conxunto galego “derrubábase física e psicoloxicamente”, mentres os franceses chegaron a encadear 50 minutos cun 100% de acerto anotador a paus, chegando ao final co 17-50 no marcador.

Os partidos, que foron os primeiros da historia televisados en directo fóra de Irlanda (a través da TVG2), trouxo a curiosos e siareiros do deporte de toda Galicia. Cun tempo excepcional “os encontros non defraudaron e puidemos desfrutar do altísimo nivel de ambas seleccións”, aseguran dende o Auriense FG, anfitrión do evento, adiantando que trala “resaca” do partido internacional, os equipos da cidade regresan á competición. Avindeira fin de semana, o equipo feminino desprázase a Coruña para xogar contra Átabras. O equipo masculino, pola súa banda, o sábado afronta un encontro crucial nas súas aspiracións de cara ao ascenso contra o Mecos no Grove, onde se disputan o liderezgo.

Artigos relacionados

Back to top button