DeportesÚltima hora

Os Anguieiros (Montefurado) acolle este sábado o VI Campionato de Bolos Celtas

A competición enmárcase no programa das Festas da Madalena
Participante na pasada edición do campionato de bolos dos Anguieiros.

A localidade de Anguieiros (Montefurado, Quiroga) celebra esta fin de semana as festas patronais da Madalena, cunha serie de actividades organizadas pola Asociación Sociocultural Boca do Monte.

O programa arranca mañá, sábado 22 de xullo ás 10 da mañá coa VI edición do Campionato de Bolos Celtas, unha das actividades máis destacadas. Tal como explican dende a organización que recuperaba este xogo tradicional hai seis anos, tras ter un intercambio con outras modalidades de bolos a nivel de Galicia “é posible que teñamos participantes do Val Miñor, Viana do Bolo, Ponferrada e incluso de Asturias”. Como en anos anteriores haberá premios para os 4 primeiros clasificados tanto na categoría masculina como na feminina. “A nosa intención é tamén potenciar a participación de mulleres xa que antes era un xogo practicamente exclusivo de homes”, asegura o presidente da asociación, Xosé Manuel Fernández. A entrega de premios estará amenizada polo grupo Abertal da Rúa.

O programa continuará coa misa e procesión (13h.) e a sesión vermú, con xogos populares para os máis pequenos poña tarde. Ademais, ás 20:30h. presentarase a novela “Unha verdade amarga” da escritora de Quiroga, Celia Díaz e xa contra a noite haberá cantos de taberna a cargo do grupo rues Ouruxobruxo.

A festa remata o domingo 23 de xullo cunha andaina de Anguieiros a Montefurado co arqueólogo Santiago Ferrer como guía. “Veremos o antigo cauce do río Sil antes da excavación do Montefurado, o propio túnel romano, os vestixios do pasado romano no pobo de Montefurado, a igrexa barroca e algunha galería de explotación aurífera reconvertida en adega”, explican dende Boca do Monte.

 

Cartel das Festas da Madalena.

Artigos relacionados

Back to top button