CulturaCulturaÚltima hora

Os Anguieiros (Montefurado) celebrará esta fin de semana as Festas da Madalena

Organizada pola Asociación Boca do Monte, o programa inclúe música tradicional, cultos e o campionato de bolos celtas

 

Cunha programación “humilde pero moi variada”  e co obxectivo de “dinamizar a aldea e a súa contorna convidando á xente a participar das nosas actividades”, se celebran esta fin de semana, 23 e 24 de xullo, a Festa da Madalena, patroa dos Anguieiros, na parroquia quiroguesa de Montefurado.

O programa arrancará o sábado 23 de xullo ás 9 horas coa Camiñada Anguieiros-Vilanuide-Anguieiros. “Como cada ano, facemos unha andaina circular duns 9 quilómetros para xuntarnos e coñecer a contorna. Este ano camiñaremos por sendeiros que servían para comunicarse entre aldeas, no caso concreto entre Anguieiros e Vilanuide, albiscando dende o noso percorrido o núcleo de Montefurado e a antiga canle do río Sil polo meandro que descrebía antes de furar polo túnel de Montefurado, coñecido como Boca do Monte. Teremos ocasión de ver a Boca do Monte dende perto e coñecer o pasado aurífero da man do arqueólogo Iván Merayo que nos fará de guía especializado no tema e gran coñecedor da zona”, explican dende a Asociación Boca do Monte, responsable da organización.

 

 

De 19 a 20 horas haberá xogos tradicionais e infantís para a cativada, como a chave, os bolos celtas, a tirar da corda por equipos, etc. cunha merenda con petiscos de balde para todos os presentes ás 20:30 horas no bar da organicación. Haberá auga, refrescos e viño.

De seguido, entre as 21:30 e as 22:30 h. chegará o primeiro pase da foliada a cargo do grupo tradicional de Quiroga O Recanto, grupo que volverá tocar entre as 23:30 e as 00:30 h. tras un descanso no que se proxectará un documental relacionado coa contorna, novidade no programa deste ano.

 

 

E xa o domingo 24 de xullo, entre as 10 e as 12 horas terá lugar o X Campionato de Bolos Celtas, o acto estrela das festas, con premios para as 4 primeiras e os 4 primeiros clasificadas/os. “Unha edición moi importante para a nosa asociación que leva once anos recuperando este xogo tradicional. Comezamos no 2012 e só tivemos que suspender o campionado o pasado 2020 por mor da pandemia”, din dende Boca do Monte.

Ás 12:30 horas haberá un pasarrúas a cargo dunha formación de música tradicional da Asociación Cultural Abertal da Rúa e ás 13 horas, misa e procesión. Rematada a misa farase o sorteo das rifas e haberá un aperitivo popular amenizado por Abertal.

 

Artigos relacionados

Back to top button