DeportesÚltima hora

Os Anguieiros (Quiroga), escenario este domingo do VII Campionato de Bolos Celtas

O torneo enmárcase no programa das Festas da Madalena que inclúe música, cultos e xogos populares
Gaiteitos e Abertal.

Da man da Asociación Sociocultural Boca do Monte, Os Anguieiros (aldea da parroquia de Montefurado no concello de Quiroga) acollerá esta fin de semana as Festas da Madalena cun programa de actividades variadas que favorecerán a convivencia, o respecto polas orixes e os valores da contorna.

Para mañá, sábado 21 de xullo, esta previta a “Camiñada da Madalena” que este ano por primeira vez, deslocalízase dos Anguieiros. A andaina circular sairá ás 9 da mañá de Montefurado, pasará polo Ermidón, subirá ata Centeais e rematará de nivo en Montefurado. “A intención é coñecer aldeas da nosa contorna e facer uns tramos do Camiño de Santiago de Inverno, camiño que hai que potenciar e que no 2017 foi declarado como camiño oficial”, explican dende a organización, adiantando que a ruta principal é de 15 quilómetros, cunha alternativa simultánea de 7 para os que non se atrevan coa primeira.

Pola tarde, ás 18h. haberá xogos infantís entre os que destacan a carreira de sacos, o tiro de corda, a chave e os bolos. E xa ás 20h. haberá unha charla sobre a aviación en Galicia a cargo de Xerardo Rodríguez Arias. “O conferenciante vive en Teo pero ten orixes familiares en Anguieiros e segunda residencia en Bendollo, lugar de Quiroga onde se criou e atopou á súa parella”, puntualizan dende a asociación, explicando que na charla trataranse anécdotas sobre curiosidades históricas relacionadas coa contorna e servirá de anticipo para a presentación do libro “100 anos de aviación en Compostela”. Rematado este acto terá lugar unha merenda popular aberta a veciños e asistentes e sobre as 22:30h. unha foliada tradicional co grupo Ouruxobruxo da Rúa.

 

Xogando aos bolos nos Anguieiros.

O domingo 22, día propio da Madalena, chegará o prato forte do programa. A partir das 10h. celebrarase o VII Campionato de Bolos Celtas. “Sete anos recuperando este xogo popular que tivo tanto arraigo na contorna. Un curioso e atractivo campionato no que cada vez participa máis xente e que ofrece 4 premios para as mellores clasificadas e outros 4 premios para os mellores clasificados”. Ás 12h. será a entrega de premios e a “ruada” a cargo do Grupo de Gaitas Abertal. Ás 13h. haberá misa e procesión seguida dun aperitivo popular no que non faltará música e o sorteo da rifa da festa.

Artigos relacionados

Back to top button
Close