ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Os antigos alumnos de Santa Leonor de Trives volven reencontrarse co seu centro

Celebraban a súa XX Xuntanza anual nas antigas instalacións deste colexio trivés

Hai xa décadas que deixaban as aulas do antigo Colexio de Santa Leonor en Trives, sen embargo, aínda manteñen moi vivos os recordos e vivencias que compartían sendo nenos e mozos nese centro. Cada verán rememóranas nun encontro que promove dende hai xa vinte anos a Asociación de Antigos Alumnos deste colexio trivés, que preside Berardo Araúxo.

Esta xuntanza anual vén de celebrarse novamente o 10 de agosto cun programa que se iniciaba ás once da mañá na capela do colexio cunha eucaristía. Despois dábase paso á asemblea da entidade, na que se lle rendía homenaxe a tres freires triveses do colexio, xa falecidos: os irmáns Salvador Pablo (José González), Jaime (Santiago Cortizo) e Leandro Julián (Inocencio Bautista).

 

Antigos alumnos do centro que celebraban as vodas de ouro da súa promoción de mestres industriais neste centro trivés.

 

A continuación os asistentes á xuntanza visitaban o local da asociación e logo compartían un xantar no local do colexio, ao que asistían un cento de persoas. Ademais nesta ocasión 10 ex alumnos celebraban os 50 anos de finalizar mestría, é dicir, as vodas de ouro (1969-2019) da terceira promoción de mestres industriais da Escola Virxe da Luz trivesa: Isauro Álvarez, Carlos Blanco, Antonio Cortizo, Emilio García, Félix García, Alfonso Martínez, Javier Rodríguez, Jaime Varela, José Vázquez e Manuel Veiga.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a primeira que é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button