EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Os apicultores valdeorreses reaccionan ante a ameaza da vespa velutina

A Asociación Valdeorresa de Apicultores e a Agrupación Apícola recomendan poñer trampas para intentar controlar esta especie invasora

Hai uns días saltaba a alarma no sector apícola da comarca de Valdeorras ao aparecer “unha raíña de vespa velutina, intentando capturar abellas, nun colmear de Oulego (Rubiá)”, segundo informan dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores, adiantando que “hai que trampear a zona e estar atentos, por se se vei algunha, ou se encontra un niño primario”.

Para intentar controlar a chegada desta especie invasora, dende o Asociación enviaban ao socios un correo explicando como elaborar unha trampa sinxela, cunha botella de auga. “Hai que quitar as pegatinas e facer dous buratos nos que entre o dedo índice, e outros dous buratiños pequenos xunto ao tapón, para poder colgala a un metro do chan e a uns 10 ou 15 metros do colmear. Se se teñen dous ou tres cadros vellos con algo de mel, póñense debaixo, no chan. Faise unha mestura cun vaso de viño branco, un vaso de cervexa negra e tres culleradas de mel, reméxese ben e dá para dúas trampas”.

 

Exemplo de trampa elaborada cunha botella de auga.

O presidente do colectivo, Armando Rodríguez, insiste na importancia de colocar  trampas canto antes “porque as raíñas agora teñen que saír buscar comida e é o momento de collelas. Cada raíña que se colla un niño menos, a ver se podemos retrasar a invasión un par de anos”, conclúe.

Tamén dende a Agrupación Apícola de Galicia son conscientes do perigo desta especie invasora polo que editaron uns carteis coa mesma recomendación de poñer trampas en primavera, así como solicitanto aos asociados a súa colaboración para o estudo de investigación da velutina coa Universidade.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button