ConcellosÚltima hora

Os artistas barquenses Chere e Coquixo súmanse ao proxecto “Córgomo Arte”

Esta mostra, promovida polos creadores Conde e Torino, reunirá en decembro as obras dunha ducia de artistas, cinco deles valdeorreses en Córgomo (Vilamartín)
Unha das zonas expositivas de Córgomo Arte, nunha edición anterior do certame./ Foto: Carlos G. Hervella.

A sala de exposición Conde Torino na localidade vilamartinesa de Córgomo acollerá neste mes de decembro unha nova edición de Córgomo Arte, titulada “Sete”. Nela participarán once artistas de diferentes disciplinas, dos cales cinco serán valdeorreses. Así ademais das obras de Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”, promotores destes proxecto artístico, poderán verse obras dos barquenses Gerardo Rodríguez “Chere” e Luís Enrique Rodríguez “Coquixo”, ademais das do valdeorrés Noé Blanco, natural da Rúa.

Tamén haberá creacións dos artistas lucenses Violeta Bernardo (Sarria), David Cata (Viveiro), Arturo Ceide e Beatriz Pérez, “Equipo Esparrela” (Monforte de Lemos), Cristina Vázquez, “Crystilandia” (Escairón), Martín Lestao (Burela) e Laura Varela (Escairón.

A exposición inaugurarase o 8 de decembro, ás 17 horas, e permanecerá aberta ata o 6 de xaneiro de 2019 e, coma sempre, poderá visitarse as fins de semana e os festivos das 10 ás 22 h. “Sete” é o título desta edición, porque “é un bo número para cumprir anos, o 7 é un número máxico e cargado de simbolismo. Abandonamos o conceptualismo das últimas edicións e abordamos a obra de arte desde unha perspectiva máis técnica, a xeometría, a proporción, a perspectiva, etc. que se agochan nos fundamentos da creación artística. A sección áurea ou a teoría da relatividade acompañaron a historia da arte na súa procura da síntese da beleza perfecta”, explican dende a organización de Córgomo Arte.

Artigos relacionados

Back to top button