DeportesÚltima hora

Os atletas da Escola Deportiva de Trives, campións galegos Sub10 e Sub12

Competían coa camiseta do Adas no autonómico masculino por clubs que se disputaba onte en Ribeira

 

Esta sendo unha intensa e moi froitífera tempada para os atletas da Escola Deportiva de Trives. Aos destacados resultados conseguidos ata agora vén de sumarse nesta fin de semana o título de campións galegos en Sub10 e Sub12 masculino no Campionato de Galicia de clubs nesas categorías que se celebraba en Ribeira.

Os triveses competían coa camiseta do Club Adas do Barco facíanse co título autonómico en ambas categorías. Así en Sub-10 competían Antón, Pablo e Martín, mentres que en Sub-12 facíano Aitor, José, Marcos que pousan nesta galería de fotos co trofeo acadado en ambas idades.

Ademais, a Escola Deportiva de Trives tamén contaba con representación no galego Sub10 de clubs, onde as súas tres atletas Aitana, Deva e Valentina, que tamén levaban as cores do Adas, quedaban sextas. “Aínda que non foron campioas as 3 melloraron as súas marcas personais e estou moi contentos con elas polo seu traballo de equipo”, destaca o adestrador da escola, Tino Sierra.

“Onte foi un día duro, houbo que madrugar ás 6 da mañá, chegar de volta a Trives ás 23h. da noite con 500km no lombo, pero todo iso non é nada ao ver as caras dos nen@s e saber que eran campións, iso merece moito a pena. Como digo sempre, para min é un orgullo adestrar a estes rapaz@s e representar ao noso pobo por Galicia adiante”, sinala con satisfacción Tino Sierra.

Fotos cedidas pola Escola Deportiva de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button