OurenseÚltima hora

Os autónomos ourensáns queren unir forzas

Pretenden constituír unha Mesa do autónomo na provincia que lles permita ter voz propia
Reunión celebrada na CEO co presidente da Asociación de Profesionais e Autónomos de Ourense./ Foto cedida.

Ter voz propia e peso no debate e articulación de medidas que afecten a quen traballa por conta propia. Con ese obxectivo pretende poñerse en marcha na provincia a Mesa do Autónomo, tal e como aseguraba na mañá do 6 de xullo o presidente da Asociación de Profesionais e Autónomos de Ourense, David Martínez, no decurso dunha reunión que tivo lugar na CEO.

Segundo explicaba Martínez, existen moitos autónomos incardinados en colectivos que representan aos seus respectivos sectores profesionais, pero ademais das cuestións xerais, dicía, existen outras que atinxen de forma particular ás persoas laboralmente autónomas. “A Mesa sería unha agrupación transversal que acollería a todos os autónomos sen que estes deixasen de pertencer ás asociacións sectoriais”, tal e como informaba o presidente dos autónomos ourensáns. Tampouco tería cotas nin custo para os seus membros.

David Martínez sinalaba a importancia de que “Ourense tome protagonismo na recollida de sensibilidades e aspiracións de persoas que pertencen a distintas asociacións integradas na CEO”, que lles representa no ámbito empresarial. Esta unión de esforzos “permitiríanos ganar capacidade de representación” e contar con voz propia na “Mesa do traballo autónomo” de Galicia, ao tempo que participar nas reunións de ámbito estatal previstas para este mesmo mes en Madrid.

Artigos relacionados

Back to top button