CulturaCulturaÚltima hora

Os axentes culturais da comarca de Verín analizan os camiños a seguir tras a pandemia

A “Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín” reunía nesta vila a representantes de institucións e asociacións de Verín, Laza, Castrelo do Val e incluso Chaves

 

Unha vintena de axentes culturais da comarca de Verín participaban na tarde do 28 de decembro na “Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín”. Este foro, que se desenvolvía no Auditorio da vila, buscaba establecer un diálogo sobre os camiños a seguir tras a pandemia do coronavirus. A actividade estaba promovida por Farlopa.Fanzine coa colaboración de Akasha Laboratorio Audiovisual e co apoio do Concello de Verín.

Ao evento, de carácter completamente altruísta, acudían representantes de institucións e asociacións de Verín, Laza, Castrelo do Val e incluso Chaves. A moderadora da mesa, Ángeles Sierra, foi construíndo un fío narrativo que permitiu a todas as participantes poder aportar a súa valoración deste 2020 e a súa visión de futuro a curto prazo. Ademais, Victoria Pérez exerceu de moderadora online transmitindo as cuestións dos espectadores en liña ao debate presencial.

No acto amosábase a necesidade de atopar un punto en común entre a “xente que fai cousas” para coordinar as súas actividades e potencialas de maneira conxunta. Isto propiciou a apertura dun debate no que afloraron intencións de colaboracións para un futuro próximo co fin de traballar cara un propósito común.

 

 

 

“Cantos anos levabamos dicindo que non se facía nada pero sen facer nada para cambialo? Xuntarnos era moi necesario e tanto nós coma todos os que traballaron para facelo posible estamos contentísimos co resultado. Todos os axentes que participaron mostraron interese por continuar con esta liña de colaboración no futuro. Agora toca traballar para facelo realidade”, comentaba Sabela Souto de Farlopa.Fanzine.

Os protocolos nesta “nova normalidade”, as restricións, os apoios privados e públicos, a importancia da cultura como sector económico e como ferramenta social, as necesidades dos públicos e, sobre todo, a intención de crear grupos de traballo para afrontar os novos retos, eran algúns dos temas abordados no decurso do acto.

O resultado foi tan satisfactorio para os axentes culturais implicados que todos mostraron o seu desexo de continuar con este tipo de iniciativas. O evento pódese ver gravado a través da canle de You Tube de Farlopa.Fanzine.

Artigos relacionados

Back to top button