ConcellosÚltima hora

Os barquenses aprenden a preparar e a colocar trampas para velutinas

O Concello en colaboración coa Asociación Valdeorresa de Apicultores impartía unha charla formativa no multiusos

 

Unha das claves para facerlle fronte á expansión da Vespa velutina é capturar as súas raíñas na primavera para evitar que cheguen a construír niños secundarios. E un xeito eficaz de conseguilo é o trampeo. Así o explicaba o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez, na charla informativa que se impartía na tarde do 20 de febreiro no multiusos do Barco. “Pedimos a colaboración dos veciños e dos pedáneos dos pobos porque esta é a única maneira de que poidamos trampear toda a comarca de Valdeorras”, destacaba.

Esta conferencia forma parte dun programa de trampeo que ten previsto desenvolver o Concello do Barco neste municipio. “A Vespa velutina non só supón un perigo para a apicultura, senón tamén para o resto da veciñanza, é un problema de saúde pública”, destacaba o tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen tamén lembraba que agora quen se encargará da retirada dos niños será Seaga.

Pola súa banda, Armando Rodríguez explicaba na súa intervención cales son as características da Vespa velutina e as súas diferenzas con outras avespas como a Vespa crabro. Comentaba tamén o ciclo vital deste insecto invasor, cuxas raíñas comezan a saír da hibernación na primavera e fan o seu primeiro niño nos salientes das casas, ao lado das fiestras ou en galpóns. E despois, nas árbores froiteiras que van florecendo e é aí onde se pode empezar a trampear.

Tamén amosaba como se fabrican as trampas para este insecto (a partir dunha botella de plástico de auga baleira) e como se prepara o líquido atraínte do seu interior, ademais de comentar a que altura deben colocarse (a un mínimo de 1,5 m), en que lugares e como se debe proceder a súa revisión.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button