CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os Bolechas promoven “o bo trato e a igualdade” no Barco

A Concellería de Servizos Sociais vén de presentar o libro “Os Bolechas co bo trato e a igualdade”, incluído dentro das actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero neste concello, que se distribuirá nos catro colexios de primaria do municipio

“Amaro é valdeorrés. Está a peitearse, porque os Bolechas van pasar uns días na súa casa, e quere estar guapo”. Así comeza a nova aventura destes singulares personaxes tan coñecidos polos lectores miúdos e que leva por título “Os Bolechas co bo trato e a igualdade no Barco de Valdeorras”.

Trátase dun libriño ou guía destinado aos escolares máis pequenos (entre 3 e 10 anos) do municipio e que o Concello do Barco vén de editar no marco das accións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Así o explicaba na súa presentación na mañá do 19 de xuño o concelleiro de Servizos Sociais barquense, Orlando Saavedra, na que estaba acompañado por representantes de tres centros barquenses Martín Gómez (Colexio Divina Pastora), Paco Pérez (director do CEIP Condesa Fenosa) e Remedios Arias (directora do CEIP Otero Pedrayo de Viloira), así como por persoal do departamento de Servizos Sociais.

“Pretendemos que sirva como unha ferramenta máis para seguir traballando en temas de igualdade e de bo trato, neste caso identificando iso con diferentes espazos da vila que os nenos coñecen. Un traballo que imos continuar realizando nos centros de ensino con este libro e mesmo máis adiante con técnicos que impartan obradoiros sobre estas materias”, comentaba Orlando Saavedra.

En total editáronse 1.000 exemplares deste libro que comezarán a distribuírse a partires do 20 de xuño nos catro colexios barquenses: CEIP Julio Gurriarán, CEIP Condesa Fenosa, CEIP Otero Pedrayo e Colexio Divina Pastora, así como na escola infantil municipal.

Por outra banda, o concelleiro de Servizos Sociais lembraba outras actuacións realizadas anteriormente dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, como son os programas de fomento de relacións igualitarias e do bo trato no primeiro trimestre deste ano, nas que participaron 124 nenas e 100 nenos dos catro colexios barquenses. Ademais levouse a cabo un programa contra a violencia sexual dirixido á poboación adolescente, neste caso, para alumnado dos institutos Lauro Olmo e Martaguisela e no Colexio Divina Pastora.

Obradoiro de pintura mural

Por outra banda, dende a Concellería de Servizos Sociais tamén presentaba a cuarta edición do obradoiro de pintura mural dirixido a mozos a partir de 14 anos (cun total de 20 prazas) e que se desenvolverá en xullo e agosto no Barco. A temática deste ano “será a igualdade de xénero no deporte, mais tamén se abordará a igualdade noutros ámbitos da nosa vida. Por iso, como parte da programación do obradoiro incluímos sesións para reflexionar a aprender sobre a temática de xénero a cargo dunha educadora social con formación específica neste eido”, indicaba Orlando Saavedra.  A parte artística desta actividade (e a de maior peso) será impartida por Eva Piay e Nuria Piedelobo.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button