OurenseÚltima hora

Os Bombeiros de Ourense incorporan un novo equipo de excarceración de altas prestacións

Permitirá reforzar a eficiencia e seguridade nas intervencións de rescate que realizan os bombeiros, ao ser unha unidade máis compacta, lixeira e potente

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Armando Ojea, e o xefe do servizo de Bombeiros, José Benito Álvárez asistiron á entrega da nova unidade.

 

O servizo de Bombeiros do Concello de Ourense conta cun novo equipo de excarceración de altas prestacións. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Armando Ojea, e o xefe do servizo de Bombeiros, José Benito Álvárez, asistían na mañá deste mércores 10 de febreiro, á entrega da nova unidade subministrada pola empresa Incipresa, que supuxo un investimento de 75.533,05 euros por parte do Concello. O equipo incorpora as máis modernas prestacións do sector, que permitirán reforzar a seguridade, axilidade e eficiencia nas intervencións que realizada o corpo de bombeiros, ao tratarse dunha ferramenta que destaca por ser “moi compacta, lixeira e potente”.

Trátase dun equipo de rescate hidráulico composto por unha bomba a motor, unha bomba manual, tres mangueiras hidráulicas, dúas cizallas hidráulicas, un separador hidráulico, dous cilindros telescópico, un soporte para cilindro, un conxunto de puntais en “V”, un conxunto de bloques e cuñas, elementos protectores e ferramenta de serrado.

O xefe de servizo de Bombeiros, José Benito Álvarez, destacou a incorporación deste equipo, unha unidade “máis lixeira e con moitísima máis potencia de corte e de separación”, unhas características que, ao seu xuízo, ”fan máis segura a intervención” dos bombeiros. Subliña tamén que esta adquisición dá resposta á necesidade de dispoñer de equipos adaptados á evolución do sector dos vehículos “que utilizan materiais cada vez máis lixeiros e resistentes, polo que fan falla ferramentas con moita máis forza para poder cortar”.

A próxima incorporación ao parque ourensán será a dun equipo de busca e rescate, pensado para intervencións en estruturas colapsadas, e dotado con microcámaras óptica e térmica e sensores de movemento. A subministración está aprobada e o equipo será recibido proximamente no corpo de bombeiros.

Artigos relacionados

Back to top button