OurenseÚltima hora

Os bombeiros de Ourense poñen á venda os seus calendarios solidarios de 2017

A recadación íntegra destinarase a tres asociacións adicadas á loita de enfermidades infantís
Membros do Corpo de Bombeiros de Ourense, esta mañá, na presentación do calendario solidario 2017. // Foto: S.F.
Membros do Corpo de Bombeiros de Ourense, esta mañá, na presentación do calendario solidario 2017. // Foto: S.F.

Na recta final de ano a venda de calendarios para dar a benvida ao seguinte é unha constante en todos os lados. Neste senso, o Corpo de Bombeiros de Ourense súmase a esta tendencia cun obxectivo solidario: axudar a tres asociacións adicadas á loita e á investigación de enfermidades infantís. Para iso, ilustran os 12 meses do vindeiro 2017 con fotografías dos membros do corpo para dar vida a un calendario que dende hoxe está xa á venda por cinco euros.

A recadación íntegra destinarase ao colectivo local NICO-Contra o cancro infantil, á Asociación do Síndrome de Angelman (ASA) e á Asociación Duchenne Parent Projet. A elección destas tres entidades foi feita a través dunha votación popular organizada a través das redes sociais, un espazo que tamén servirá como plataforma de venda de calendarios. Así, os interesados en colaborar coa causa, poden adquirilos tanto nas rúas como a través da páxina de Facebook do propio Corpo de Bombeiros de Ourense.

“Agardamos que sexa un éxito”, apuntaron os membros do corpo, que explicaron que a primeira tirada consta de 5.000 exemplares aínda que esperan que teñan que realizar máis. A iniciativa do calendario solidario xurdiu en 2014. Naquela edición, o colectivo fixera unha tirada inicial de 4.000 exemplares e rematou recadando máis de 10.000 euros.

O calendario foi presentado na mañá do xoves 27 de outubro no Liceo de Ourense nun acto que contou coa particiapción tamén do edil de Seguridade Cidadá, Carlos Campos. A iniciativa contou coa colaboración do fotógrafo Edu Pereira,a Asociación Cultural e Deportiva “Bombeiros de Ourense” e do Concello.

Artigos relacionados

Back to top button