En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os Boteiros e o Folión de Viana e as Pantallas de Xinzo, en Lisboa

Estes dous Entroidos tradicionais representarán á provincia de Ourense no desfile do Festival Internacional da Máscara Ibérica que se celebrará na tarde deste 18 de maio en Belém
Os Boteiros de Viana do Bolo, no desfile do FIMI do pasado ano en Belém (Lisboa)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Medio cento tradicións de diferentes partes da península, pero tamén doutros puntos de Europa e de América, participarán este sábado 18 de maio en Lisboa no desfile do XIV Festival Internacional da Máscara Ibérica (FIMI). Entre elas estará unha representación galega na que figuran dous Entroidos ourensáns: o Folión e os Boteiros de Viana do Bolo, un dos grupos máis veteranos deste encontro, e as Pantallas de Xinzo de Limia. Ademais poderá verse o Entroido de Cobres e aos Merdeiros de Vigo (Pontevedra), así como o Entroido de Samede (A Coruña).

 

Pantallas de Xinzo no desfile en Belém./ Foto: Carlos G. Hervella.

No desfile, que comezará ás 16:30h. na praza do Imperio en Belém, reuniranse tamén unhas 14 celebracións ligadas á máscara en Portugal (entre elas o Urro das Marés das Azores, os Caretos de Grijó e os Máscaros de Vila Boa ou o Farandulo de Tó), 22 españolas (entre elas sete da provincia de Zamora), dúas de Colombia (Folclor Colombia e Selva Africana do Carnaval de Barranquilla), os Busós (Mohács) de Hungría, os Urthos e Buttudos de Cerdeña (Italia) e os Leões de Macao.

O FIMI vense desenvolvendo xa dende o 16 de maio e continuará ata o domingo 19 de maio en Belém, mantendo a tradicional Mostra das Rexións na praza do Imperio e cunha completa oferta de actividades e actuacións musicais.

Nesta 14ª edición o festival, “que conta coa integración da Fundação Inatel como un dos organizadores (en colaboración con Progestur, EGEAC e a Cámara de Lisboa), apostará pola variedade de actividades presentando ao público exposicións, bailes tradicionais, debates, espectáculos musicais, mostras de produtos rexionais, obradoiros de artesanía e de música, animación infantil e moitos momentos de animación de rúa con grupos de máscaras de Portugal, España, Colombia, Hungría e Cerdeña”, segundo sinala a organización.

Artigos relacionados

Back to top button