En portadaÚltima hora

Os Boteiros e os folións de Viana e Vilariño de Conso, no XII Festival Máscara Ibérica en Lisboa

Participarán no desfile que percorrerá a zona de Belém o 6 de maio, xunto a outras 32 mascaradas, entre as que estarán as Bonitas de Sande, os Peliqueiros e Parranfón de Campobecerros e o Carnaval de Cobres

 

O Folión de Viana na pasada edición do FIMI./ Foto: A.R.

 

Na primeira fin de semana de maio mascaradas de diferentes puntos da península e mesmo de América Latina encherán de cor, son e rituais Lisboa. Será no marco do XII Festival Internacional da Máscara Ibérica (FIMI). No seu desfile, previsto para a tarde do 6 de maio, poderán verse ata 36 tradicións diferentes. Entre elas estarán catro Entroidos ourensáns: os Boteiros e os folións de Vilariño de Conso e de Viana do Bolo, as Bonitas de Sande, os Peliqueiros e Parranfón de Campobecerros. E ademais, por vez primeira, o Carnaval de Vilaboa de Cobres (Pontevedra).

 

Boteiros e Folión de Vilariño de Conso tocando no Rossio, en Lisboa. /Foto: A.R.

O desfile mudará nesta edición o seu escenario e percorrerá a zona de Belém. Partirá ás 16:30h. (hora portuguesa) do Mosteiro dos Xerónimos. Del formarán parte 18 festas de inverno de diferentes zonas de Portugal (Bragança, Vinhais, Ílhavo, Macedo de Cavaleiros, Coimbra, Mira, Mogadouro…), así como de provincias españolas como Zamora, Asturias, León, Salamanca ou Cáceres. Haberá ademais unha representación de América Latina da man de Boi Bumbá (Brasil), o Carnaval de Barranquilla (Colombia) e a Diablada (Perú) ao ser Lisboa neste ano Capital Iberoamericana da Cultura.
O desfile será un dos actos centrais do XII Festival Internacional da Máscara Ibérica, que terá lugar na capital lusa entre o 4 e o 7 de maio e que será promovido por Progestur. Conta cun programa moi completo e diverso, que inclúe unha nova edición da Mostra das Rexións (do 4 ao 7 de maio a partires das 11h., con entrada libre) que reunirá a uns 30 stands de diversos produtos gastronómicos e artesanía de Portugal e España no Xardín da Praça do Império. Non faltarán nela as degustacións gastronómicas e as demostracións de artesanía.
Outro dos referentes do FIMI será a música, con diferentes actuacións no Palco Ibérico.

Haberá asemade exposicións, teatro, tertulias, concursos de fotografía e unha intensa animación de rúa.

Artigos relacionados

Back to top button